• Abre o prazo de inscrición dunha iniciativa impulsada pola Xunta e a Fundación Ronsel para acompañarvos no desenvolvemento dos vosos negocios a aqueles galegos que volvestes a casa
07
Feb
2024

Calquera proceso de retorno leva sempre aparelladas moitas claves. Unha delas, talvez a máis importante, pasa pola consolidación dun marco laboral estable. Neste escenario, moitos dos que decidides volver a Galicia apostades por impulsar, co coñecemento adquirido, os vosos propios negocios. E cando falamos de emprendemento, nunca está de máis contar coa experiencia e o consello daqueles que xa afrontasen unha situación similar. 

Neste marco, nacía o programa MERLO, unha iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral de Emigración e a Fundación Ronsel, que ten como obxectivo acompañar a aqueles galegos que volvedes á nosa terra para promover os vosos negocios, e que abre hoxe o prazo de inscrición. 

MERLO ofrécevos o asesoramento de mentores que vos axudarán a consolidar os proxectos empresariais. Deste xeito, o programa favorece a inclusión social, o aproveitamento e a posta en valor das oportunidades que ten Galicia para calquera emprendedor que volva a casa. 

Os participantes no Programa MERLO recibiredes asesoramento experto nas áreas de negocio que máis necesitedes, entre as que cabería destacar: estratexia e planificación empresarial, administración e finanzas, área xurídica-legal, tecnoloxía, informática, operacións e produción, recursos humanos, comunicación, márketing ou xestión das vendas.

Este asesoramento baséase na metodoloxía de mentoring experiencial no que a Fundación Ronsel foi pioneira e é referente en Galicia, mediante a cal os mentores transfiren o seu coñecemento e experiencia aos participantes contribuíndo ao seu crecemento persoal e profesional, pero sen intervir na toma de decisións.

O perfil dos beneficiarios de MERLO son emigrantes retornadas a Galicia que procedan doutros países e que, no momento da inscrición, residan e desenvolvan unha actividade profesional ou teñan un negocio en marcha na nosa terra.

Compartir