• Volver a Galicia supón empezar unha nova etapa, e os primeiros meses non sempre son sinxelos. Se regresaches recentemente, aínda permanecen abertas dúas liñas de axudas pensadas para facilitar o retorno: unha para afrontar gastos extraordinarios e outra para quen decide emprender.
17
Sep
2026
Os prazos para realizar solicitudes conclúen o 30 deste mes.

Volver a Galicia é moito máis que facer as maletas. Significa buscar vivenda, reorganizar a economía familiar, atopar traballo ou, nalgúns casos, comezar un proxecto profesional propio. E precisamente para axudar neses primeiros pasos, hai dúas liñas da Xunta dirixidas a persoas emigrantes retornadas cuxo prazo de solicitude continúa aberto.

As dúas convocatorias permanecerán abertas ata o próximo 30 de setembro, ás 20.00 horas, e responden a situacións diferentes: unha está pensada para apoiar a quen afronta gastos extraordinarios tras regresar e contan con recursos limitados; a outra, para quen decidiu emprender e traballar por conta propia en Galicia. 

Ata 6.000 euros para afrontar os primeiros gastos do retorno

A primeira destas liñas son as axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, destinadas a facilitar a integración de quen regresa a Galicia e carecen de recursos económicos suficientes. A convocatoria conta este ano cun orzamento de 2,5 millóns de euros

Poden acceder, cos requisitos establecidos na convocatoria, as persoas nadas en Galicia, así como os seus cónxuxes ou parellas e os seus descendentes por consanguinidade, sempre que antes do regreso residisen fose de España e contasen con nacionalidade española. Entre outras condicións, é necesario estar empadroado e residir actualmente en Galicia, vivir no estranxeiro durante polo menos os dous anos inmediatamente anteriores e retornar a partir do 1 de xaneiro de 2024

A contía depende das circunstancias persoais e familiares. A axuda xeral calcúlase mediante un sistema de puntuación, con 300 euros por punto, e engádense 500 euros por unidade familiar para axudar cos primeiros gastos relacionados co acceso a unha vivenda. 

As familias con menores contan ademais cun apoio específico: 1.000 euros polo primeiro e segundo fillo menor de 18 anos e 1.500 euros a partir do terceiro. Se a familia reside nun concello considerado rural, estas cantidades aumentan un 25 %. A axuda total pode alcanzar un máximo de 6.000 euros

Se volviches para emprender, ata 10.000 euros

A segunda convocatoria diríxese a quen decidiu converter o seu regreso a Galicia no comezo dun proxecto profesional. Son as axudas para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas, cun orzamento de algo máis dun millón de euros. 

Poden solicitalas as persoas galegas nadas en Galicia e tamén os seus cónxuxes, parellas e descendentes por consanguinidade que, tras residir fóra de España, establecéronse na comunidade. O retorno debe producirse a partir do 1 de xaneiro de 2024. Ademais, a persoa solicitante debe estar dada de alta como autónoma ou traballadora por conta propia antes de presentar a solicitude, residir en Galicia, desenvolver aquí a súa actividade e ter o seu domicilio fiscal na comunidade. 

Neste caso, a axuda parte de 6.000 euros. A cantidade aumenta en 1.000 euros se a solicitante é muller e noutros 3.000 euros se o centro de traballo ?ou o domicilio fiscal cando non exista centro de traballo? está situado nun concello rural. Os incrementos son acumulables, polo que a subvención pode alcanzar os 10.000 euros

Para solicitala tamén hai que presentar un plan de negocio acompañado dun informe sobre a súa viabilidade económica e financeira. 

Unha data que convén ter marcada: 30 de setembro

As dúas convocatorias teñen algo máis en común ademais de estar pensadas para facilitar unha nova vida en Galicia: concédense en réxime de concorrencia non competitiva e están condicionadas á dispoñibilidade orzamentaria. Na práctica, as solicitudes completas aténdense segundo a súa data de presentación ata que se esgote o crédito dispoñible. 

Por iso, se regresaches recentemente e encaixas nalgunha destas situacións, non é necesario esperar ao último día. O prazo termina o 30 de setembro e aínda hai tempo para comprobar os requisitos, reunir a documentación e presentar a solicitude.

En ambos os programas esíxese, antes da concesión, ter a condición de persoa usuaria da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, un recurso pensado precisamente para acompañar a quen comeza de novo en Galicia.

Compartir