- Se regresaches a casa e estás a emprender ou queres consolidar o teu proxecto, poden acompañarche no camiño. Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nunha iniciativa de mentoría que conecta a persoas retornadas con profesionais con experiencia.
Volver a Galicia é, para moitas persoas, tamén o momento de empezar unha nova etapa profesional. Ás veces cunha idea de negocio en mente, outras cun proxecto xa en marcha que necesita orientación para crecer.
Precisamente para apoiar ese camiño naceu o Programa MERLO, unha iniciativa que ofrece mentoría personalizada para axudar a galegos e galegas retornados a desenvolver e consolidar os seus proxectos profesionais en Galicia.
O prazo de inscrición para participar na nova edición xa está aberto e podes solicitar a túa praza directamente a través da web programamerlo.gal
Un mentor para axudarche a dar o seguinte paso
O programa conecta a cada participante cun ou varios mentores, profesionais con experiencia empresarial que comparten o seu coñecemento para orientar o desenvolvemento do proxecto.
Non se trata de tomar decisións por ti, senón de acompañarche no proceso, achegando perspectiva, experiencia e ferramentas que che axuden a avanzar con maior seguridade.
A mentoría adáptase ás necesidades de cada participante. Ti mesmo poderás indicar en que áreas necesitas apoio: estratexia, crecemento, organización do negocio, toma de decisións ou desenvolvemento profesional.
Como funciona o programa
As persoas seleccionadas participarán nun proceso estruturado que combina formación, mentoría e networking.
O itinerario inclúe un primeiro taller formativo para coñecer como funciona o proceso de mentoría e aproveitalo ao máximo. A partir de aí realízase o ?matching?, é dicir, a asignación do mentor ou mentora máis adecuado para o teu perfil e o teu proxecto.
Durante o programa celebraranse reunións periódicas de mentoría, normalmente una ao mes, cunha duración aproximada de dúas horas. O proceso esténdese durante un período mínimo de tres meses e pode chegar ata oito, con polo menos seis encontros entre mentor e emprendedor.
Ademais, poderás participar en actividades de networking e encontros con outros emprendedores retornados, unha oportunidade para compartir experiencias, crear contactos e aprender doutros proxectos.
Quen pode participar
O programa está dirixido a persoas galegas retornadas que estean a desenvolver unha actividade profesional ou empresarial en Galicia.
Tamén poden participar cónxuxes ou descendentes de emigrantes galegos que residan actualmente na comunidade e estean a impulsar o seu propio negocio.
En total ofrécense 90 prazas, que se asignarán por orde de inscrición entre quen cumpra os requisitos.
O prazo para apuntarse está aberto ata o 31 de marzo de 2026.
Unha oportunidade para fortalecer o teu proxecto
Nas últimas edicións, o Programa MERLO acompañou a numerosos emprendedores retornados, axudándolles a transformar ideas en empresas viables ou a consolidar negocios que xa estaban en marcha.
Se volviches a Galicia e estás a construír o teu proxecto profesional, contar coa experiencia dun mentor pode marcar a diferenza.