- Mozos de máis de 40 países continúan a súa formación en Galicia grazas a un programa que xa facilitou o retorno de 1.700 persoas
Cada ano, Galicia abre as súas portas a unha nova xeración de mozas do exterior que deciden volver para seguir formándose e construír aquí o seu futuro. Fano grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), unha iniciativa pioneira da Xunta de Galicia que busca atraer talento cualificado e fomentar o retorno da mocidade universitaria galega residente fose do país.
Desde a súa posta en marcha en 2017, o programa permitiu que 1.700 mozos procedentes de máis de 40 países regresen para cursar estudos de máster nas tres universidades públicas galegas, cun investimento global que supera os 14,5 millóns de euros.
Na última edición, 250 estudantes incorporáronse a máis de 70 máster diferentes, repartidos entre as tres universidades: 92 na de Vigo, 87 na de Santiago de Compostela e 71 na da Coruña.
A maioría dos beneficiarios procede de América Latina, con Arxentina á cabeza ?onde naceron 98 dos seleccionados?, seguida de Uruguai (33), Cuba (31), Venezuela (22) e Brasil (20). Tamén participan mozos de distintos países europeos como Reino Unido, Francia, Alemaña, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Irlanda, República Checa, Suíza e Suecia.
As bolsas, con contías de entre 8.000 e 12.500 euros, cobren gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención durante o curso académico, ofrecendo aos bolseiros a oportunidade de centrarse plenamente na súa formación e na súa integración en Galicia.
Un proxecto que impulsa o retorno e a vida en Galicia
Máis aló do ámbito académico, as BEME concíbense como unha porta de regreso estable a Galicia. Preto do 80% dos beneficiarios de edicións anteriores continúa hoxe vivindo, traballando ou emprendendo na comunidade, o que converte ao programa nunha ferramenta eficaz para fixar talento cualificado e fortalecer o tecido social e económico galego.
O programa forma parte da Estratexia Galicia Retorna, que ofrece un acompañamento integral aos galegos do exterior interesados en volver. Neste marco, os bolseiros contan co apoio das Oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno, que facilitan a súa integración e acceso a oportunidades laborais ou de emprendemento.
Galicia avanza ademais cara á creación da Oficina de Atracción de Talento, destinada a coordinar medidas de emprego e captación de profesionais cualificados, e conta coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 15 oficinas repartidas por todo o territorio. A elas súmase o Programa Merlo, que ofrece mentoría e acompañamento a emprendedores retornados.
Coas Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, Galicia consolida un modelo de retorno que combina formación, acompañamento e oportunidades reais para que os mozos galegos do mundo poidan volver, especializarse e botar raíces na terra das súas orixes.