- Galicia estrea mañá 'A memoria viva', un documental de Pablo López que narra a historia deste emblemático edificio da man dalgúns dos seus protagonistas
- A cinta poderá seguirse a través das redes sociais das secretarías de Emigración e Política Lingüística
Galicia estrea mañá o documental 'A memoria viva', oun relato audiovisual que nos achega a historia do Centro Galego da Habana.
O documental, realizado polo xornalista galego Pablo López e que forma parte do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta, narra a historia deste emblemático edificio da man dalgúns dos seus protagonistas. Entre eles figuran emigrantes que aínda lembran a importancia que o centro tivo para o colectivo de galegos residentes en Cuba e que forman parte da Federación de Sociedades Galegas en Cuba, que recolleu o labor do Centro Galego da Habana despois da súa disolución.
"Falamos dun edificio que ten corazón", subliña Antonio Rodríguez Miranda, secretario de Emigración de Galicia para referirse a un inmoble que xa na súa fachada conta con catro grupos escultóricos que representan o que a institución lles ofrecía aos galegos que chegaban a Cuba: a educación, atención social e cultural, tanto en música como en teatro. "É o edificio máis bonito co que conta a galeguidade no mundo e as súas paredes gardan importantes e emocionantes historias", resume o propio Miranda.
Na mesma liña, o secretario de Política Lingüística do Goberno galego, Valentín García, incidiu en "a importancia que tivo este epicentro cultural internacional na divulgación e coñecemento das grandes obras e autores do 'Rexurdimento' galego", exercendo de mecenas e financiando volumes que fixeron posible as edicións de Rosalía, Curros e Pondal.
"Galicia garda con Cuba unha inmensa débeda cultural e infinidade de lazos, que materializaron grandes fitos na historia do pobo galego, como a primeira vez que se izou a bandeira, a estrea da letra do himno ou os alicerces da Real Academia Galega", resaltou.
A cinta pódese visualizar a partir de mañá a través das plataformas web e redes sociais de ambas as secretarías: Emigración e Política Lingüística.