• As mulleres retornadas poderán incorporarse ao mercado de traballo a través do novo programa da Xunta dirixido ao rural e ao espazo urbano
  • A actuación, que conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros, enmárcase no Plan Emprega Muller dotado con 35,8 millóns de euros para 2022
08
Jun
2022

Se es muller e volviches a Galicia, agora contas con outra oportunidade: o novo programa da Xunta de apoio ás mulleres nos ámbitos rural e urbano, incluído no Plan Emprega Muller.

Esta iniciativa conta cun investimento de 2,8 millóns e busca enriquecer a captación de mulleres desempregadas e retornadas na actividade económica das súas zonas de residencia con accións centradas na formación, no emprendemento e no asesoramento nos campos dixital, tecnolóxico, da economía social ou aproveitamento forestal, pesqueiro e agrario, entre outros.

O obxectivo é que participen ao redor de 1.100 mulleres nunha actuación que supoñerá un investimento medio por muller de 2.552 euros para formar e recuperar o talento feminino. Deste xeito, do total de participantes, unhas 220 mulleres como mínimo incorporaranse ao mercado de traballo ao final da iniciativa

Para participar, as mulleres retornadas debedes estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e residir, preferentemente, en municipios de menos de 5.000 habitantes que presenten necesidades de cualificación ou recualificación formativa ou profesional para poder acceder a un sector laboral concreto relacionado principalmente coa economía verde e dixital. O prazo de inscrición está aberto ata o próximo mes de outubro.

Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses e busca reverter na sociedade desde tres alicerces: sobre as mulleres retornadas participantes; sobre a contorna, xa que mellorará o desenvolvemento produtivo das zonas onde se realice; e sobre a loita contra a desigualdade, xa que a iniciativa tamén busca facer fronte á brecha de xénero que, sobre todo, existe no medio rural, á vez que busca a permanencia das mulleres no seu territorio mellorando a súa perspectiva profesional. 

Emprega Muller

O novo programa autonómico enmárcase no Plan Emprega Muller, que conta para este ano cun orzamento de 35,8 millóns de euros, co obxectivo de facer fronte aos efectos socioeconómicos derivados da pandemia tendo en conta as particularidades do territorio galego e co fin de loitar contra ao brecha de xénero. 

Este Plan inclúe o desenvolvemento de cinco novos programas. Ademais do destinado ao medio rural e urbano, destacan os novos programas integrados de emprego exclusivos para mulleres, dotados con 4,8 millóns de euros, e que se desenvolverán en colaboración coas entidades locais e sen ánimo de lucro; e as unidades formativas en empresas en sectores con subrepresentación feminina, que conta para este ano con 3,5 millóns de euros de investimento para financiar o 100% da formación que se imparte en centros de traballo, apoiando, ao mesmo tempo, ás empresas nas contratacións. É este último un programa no que se estima que participen 2.667 mulleres e que poidan contratarse unhas 1.100. 

Compartir