- Se es profesor de baile galego, gaita ou pandeireta ou persoal directivo de entidades do exterior, podes pedir a túa praza ata mañá 26 de marzo para vir a Galicia a formarche o próximo mes de xullo
Compartir tradicións galegas, experiencias e sobre todo moita música e baile son as asignaturas que se imparten nas Escolas Abertas nas que os docentes se convirten en alumnos. Este programa da Secretaría Xeral da Emigración volverá a reunir o vindeiro mes de xullo en Ourense a profesores responsables de impartir actividades nas entidades galegas no exterior, co obxectivo de ampliar coñecementos e habilidades sobre distintas materias relacionadas coa cultura e as tradicións de Galicia.
Se es docente fóra da comunidade e queres sumarte a esta experiencia ey colaborar na difusión da cultura galega polo mundo tes ata mañá 26 de marzo para presentar a túa solicitude. Podes facelo a través deste procedemento na sede electrónica da Xunta. Hai un total de 80 prazas, das que 18 están reservadas para formadores chegados de Europa, e outras 62 para os procedentes doutros países.
Emigración financia a viaxe e a estancia dos participantes así como os gastos de organización dos obradoiros e actividades que integran un programa intensivo de ao menos 50 horas lectivas.
E cales son as materias que se impartirán?
Profesionais galegos ensinan técnicas didácticas sobre baile tradicional, canto popular e pandeireta, gaita, percusión, e tamén confección do traxe tradicional, e mesmo cociña, para que despois os participantes as transmitan aos galegos que vivides lonxe da vosa terra e que sintades preto as vosas orixes e tamén o modo de vida e a actualidade de Galicia.
Son actividades que as propias comunidades de emigrantes queredes manter vivas no exterior e solicitades para celebrar e reunirvos nos centros galegos.
Todas as entidades na diáspora tendes este obxectivo en común: conservar e difundir a vosa identidade e cultura e que non se perda para as seguintes xeracións. Nin na Casa de Galicia de Nova York, nin o Centro Galicia de Bos Aires, nin na Irmandade Galega na Suíza, en ningunha comunidade galega faltan clases de pandeireta, gaita ou baile tradicional, nin para os maiores nin para os pequenos.
Para estes centros tamén é moi importante a súa propia xestión polo que Escolas Abertas tamén ten en conta e ofrece unha materia de formación de persoal directivo. Esta disciplina reserva, de ter solicitudes de sobra, o 70% de prazas para mulleres.
Máis de 1.000 persoas participaron nestas convivencias nos últimos dez anos. En 2019, foron 63 as persoas que durante dúas semanas coñeceron e se reuniron en Ourense, procedentes de Arxentina, Cuba, Uruguai, Brasil, Venezuela, Chile e México.
Consulta nas bases do programa se reúnes os requisitos e a documentación que necesitas aportar para sumarte á próxima Escola Aberta.