- Convócanse 108 axudas en Galicia, en dúas modalidades, dirixidas a facilitar a volta casa dos mozos do exterior, ofertándose, por primeira vez, 60 prazas en ciclos de FP Dual, coa colaboración de 25 empresas
A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das 108 bolsas Retorna Talento FP, dirixidas a que a mocidade galega do exterior poida realizar estudos de Formación Profesional que lles permitan mellorar a súa cualificación e volver á súa terra de orixe. Por primeira vez ofértanse en leste marco prazas en ciclos de FP Dual, coa colaboración de 25 empresas, unha modalidade que favorece a inserción laboral dos titulados.
O Goberno galego destina case 1M€ a esta iniciativa, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna coa que o Goberno galego quere promover o retorno de 30.000 galegas e galegos que viven fóra da comunidade ata 2026.
Dúas modalidades
A convocatoria divídese en dúas categorías, en función do tipo de estudos que se ofertan. Así, a modalidade para contempla 48 bolsas para estudar Programas específicos básicos de FP durante o curso 2023/24. Neste caso a bolsa é de 6.500€ por alumno ou alumna e a relación de programas formativos ofertados, a razón de 16 prazas cada un, é a seguinte:
| Municipio | Centro | Programa formativo de formación específica básica |
|---|---|---|
| A Coruña | CIFP Someso | Albañilería e fontanería |
| Culleredo | CIFP Universidade Laboral | Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios |
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios |
Pola súa banda, a modalidade B inclúe un total de 60 prazas para cursar cinco ciclos de Formación Profesional Dual nos cursos 2023/24 e 2024/25, cunha bolsa de 10.800€ por estudante. Os alumnos e alumnas poderán formarse en carpintería, hostalería, coidados, construción ou instalacións térmicas e de fluídos nos cursos que ofertarán cinco centros -Universidade Laboral (Culleredo), Someso (A Coruña), Ferrolterra (Ferrol), IES A Chapela (Redondela) e o CIFP de Vilamarín- e nos que participarán 25 empresas de toda Galicia. Neste caso, durante o primeiro curso poderán realizar unha parte da formación a distancia, pero a formación práctica nas empresas será sempre presencial, do mesmo xeito que todo o segundo curso.
Os ciclos ofertados son os reflectidos na seguinte táboa:
| Municipio | Centro | Ciclo de FP Dual |
|---|---|---|
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | Ciclo superior de Deseño e amoblamento |
| A Coruña | CIFP Someso | Ciclo superior de Proxectos de edificación |
| Culleredo | CIFP Universidade Laboral | Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos |
| Vilamarín | CIFP de Vilamarín | Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos |
| Redondela | IES de Chapela | Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia |
Ata o 19 de setembro
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 19 de setembro e deberán facerse a través da aplicación informática Ciclosadmisión. Os requisitos son os establecidos na convocatoria: con carácter xeral non gozar destas bolsas en convocatorias anteriores, ser residente no estranxeiro e ter nacionalidade española, ter menos de 40 anos e ter algunha relación de orixe ou consanguinidade con Galicia.