- O Goberno galego reforza con 4 millóns de euros as axudas económicas individuais para as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade
A pandemia, primeiro, e a guerra de Ucraína, despois, derivou nun escenario económico complexo que afecta, de modo especial, a moitas países onde as circunstancias políticas e sociais provocan máis dificultades. Para todos eses galegos que vivides no exterior e que o estades pasando mal, existe unha liña de axudas pensada para que poidades cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención socio-sanitaria. Un programa que volve poñer en marcha o Goberno galego, que este ano reforza destinando preto de 4 millóns de euros, un 15% máis que o ano anterior.
Neste marco, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria destas axudas económicas individuais para familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade. Un programa que busca paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria daquelas familias galegas do exterior que vos atopades nunha situación económica precaria, especialmente no actual contexto de pandemia.
As axudas, dirixidas aos emigrantes galegos e aos vosos descendentes, están orientadas a facer fronte a situacións de escaseza de recursos provocadas por múltiples circunstancias, e á falta de produtos imprescindibles, como os medicamentos, un feito preocupante para moitos galegos do exterior que superan os 60 anos.
O prazo para presentar a solicitude permanecerá aberto ata o 26 de marzo. A convocatoria realízase en réxime de concorrencia non competitiva, e está dirixida aos emigrantes de orixe galega, e a determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.
O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.
TIPOS DE AXUDA
A convocatoria abarca sete tipos de axuda:
- Por unidade familiar en situación de precariedade
- Por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante
- Por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar
- Por invalidez ou enfermidade permanente
- Por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado
- Para as mulleres que sufran violencia de xénero
- Para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.