• Os importes ascenden a 10.800 euros e hai 108 prazas para que poidas cursar na nosa terra un ciclo de Formación Profesional: presenta a túa solicitude antes do 12 de maio
18
Mar
2024

Se queres volver a Galicia e estás a pensar en cursar Formación Profesional, esta é a oportunidade que estabas a esperar. A Xunta acaba de abrir a convocatoria para solicitar algunha das 108 bolsas Retorna Talento FP para o próximo curso 2024/25, dirixidas a que os galegos do exterior poidades realizar estudos de Formación Profesional que vos permitan mellorar a vosa cualificación e volver a casa. 

O Goberno galego destina case 1 millón de euros a esta iniciativa, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna, coa que o Goberno galego quere incentivar a quen resides no estranxeiro -tanto emigrantes como descendentes destes- a elixir Galicia para completar a vosa formación e incorporarvos ao noso mercado laboral. 

A través desta acción, búscase tamén que a sociedade galega enriquézase cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que achegades quen resides ou nacestes no estranxeiro e que agora retornades a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a vosa vinculación coa Comunidade Autónoma. 

Como novidade fronte ás convocatorias anteriores, amplíase a idade límite dos solicitantes, pasando dos 40 aos 45 anos, favorecendo así que un maior número de persoas galegas que queiran retornar a Galicia poidan facelo alcanzando unha formación profesional recoñecida que posibilite a súa incorporación ao mercado laboral.

FP Dual a distancia. 

Nesta modalidade de FP Dual a distancia ofértanse 60 prazas para o próximo curso 2024/25. Neste caso, os seleccionados poderedes iniciar a vosa formación académica no voso país de orixe e completala coa parte práctica en empresas en Galicia, en función da estrutura dos dous cursos que compoñen cada ciclo. 

Así pois, durante o primeiro curso, os estudantes realizaredes a primeira parte a distancia e unha segunda parte presencial nas empresas seleccionadas a través de convenios con firmas referentes das contornas dos centros e dos sectores correspondentes. 

No segundo curso académico, haberá unha primeira parte en modalidade semipresencial no centro de formación e unha segunda parte presencial na empresa. Recibiredes unha bolsa de 10.800 euros cada un para afrontar os gastos asociados como a viaxe desde o seu país de orixe, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso. 

Os ciclos ofertados son os reflectidos na seguinte táboa:

Municipio Centro Ciclo de FP Dual Prazas
Ferrol CIFP Ferrolterra Ciclo superior de Deseño e amoblamento  12
A Coruña CIFP Someso Ciclo superior de Proxectos de edificación 12
Culleredo CIFP Universidade Laboral Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos  12
Vilamarín CIFP de Vilamarín Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos  12
Redondela IES de Chapela Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia 12

 

Formación específica básica

Nesta modalidade, ofértanse un total de 48 prazas para cursar Programas específicos básicos de FP durante o curso 2024/25. Neste caso a bolsa é de 6.500 euros por alumno/a e a relación de programas formativos ofertados é a seguinte:  

Municipio Centro Programa formativo de formación específica básica Prazas
A Coruña CIFP Someso Albañilería e fontanería 16
Culleredo CIFP Universidade Laboral Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios 16
Ferrol CIFP Ferrolterra Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios 16

 

Prazo ata o 12 de maio

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 12 de maio e deberán facerse a través da aplicación  informática Ciclosadmisión. Os requirimentos son os establecidos na convocatoria: con carácter xeral non gozar destas bolsas en convocatorias anteriores, ser residente no estranxeiro e ter nacionalidade española, ter menos de 45 anos e ter algunha relación de orixe ou consanguinidade con Galicia.

Compartir