• O goberno galego abre o prazo para solicitar axudas aos universitarios con dificultades económicas que cursen estudos de grao, con especial atención aos afectados pola pandemia
22
Jan
2021
Universitarios

Xa está aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que, debido a causas sobrevindas e imprevistas acontecidas ao longo do curso académico 2020/21 ou por unha situación derivada do Covid-19, presente dificultades económicas. Un programa aberto tamén a todos aqueles galegos retornados que esteades a cursar os vosos estudos de grao na nosa terra.

O orzamento total desta iniciativa ascende ata os 500.000 euros, o que supón multiplicar por cinco os 100.000 euros da convocatoria do ano pasado. Así mesmo, a contía poderá ser incrementada ata cubrir a todas as persoas que o precisen. As axudas, cuxo importe depende da renda familiar, oscilarán entre os 1.500 e os 2.750 euros.

Requisitos 

Para poder solicitar estas axudas debedes cumprir unha serie de requisitos:

  • Estar matriculados no curso 2020/21 nun mínimo de 50 créditos
  • Se vos resta un número inferior de créditos, debedes estar matriculados como mínimo de 30 créditos
  • Que se trate de estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao,
  • Que o título se curse en calquera das universidades do Sistema Universitario Galego
  • Non podedes recibir esta axuda con anterioridade
  • A renda per cápita da unidade familiar non debe superior o importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021 multiplicada por 1,50. 
Causas imprevistas derivadas da pandemia

A convocatoria establece tamén aqueles supostos que cobren os apoios: 

  • Orfandade absoluta
  • Situación de desemprego 
  • Falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar
  • Falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio
  • Enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún das ou os sustentadores principais da unidade familiar
  • Vítimas de violencia de xénero
  • Vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar

Ademais, como novidade este ano, introdúcese como causa sobrevinda tamén as xurdidas como consecuencia do Covid-19, como que algún dos sustentadores principais da unidade familiar estean en situación de desemprego, en Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE) ou en calquera outra situación que supoña unha diminución económica ou laboral como consecuencia directa da pandemia.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e, opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os prazos -que poden consultarse no DOG- varían en función do tipo de causa sobrevinda e do momento en que acontecese. 

Compartir