- O programa de subvencións ofrece este ano 215 prazas e pódese solicitar ata o 22 de marzo
O programa “Reencontros na casa” leva xa 30 anos vendo chegar a Galicia aos galegos maiores do exterior, con caras emocionadas e coa expectativa de redescubrir as súas raíces e reforzar os seus lazos de unión coas súas xentes.
A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración acaba de abrir unha nova convocatoria das axudas para que 215 maiores de 65 anos que vivides en Latinoamérica poidades custear parte do billete de avión e viaxar a Galicia.
As solicitudes pódense rexistrar aquí ata o próximo 22 de marzo. Trátase de permitirvos restablecer, non só os vosos vínculos familiares, tamén coñecer a Galicia actual da que logo sodes embaixadores no exterior.
Aínda que a participación diríxese a residentes no exterior con menos recursos económicos, este ano, a petición dos usuarios, engádese unha nova categoría de beneficiarios que poden facer fronte ao custo económico do billete de avión, pero que queren formar parte do programa.
As achegas cobren o 60% do traslado en avión, aínda que no caso de Venezuela e Cuba a subvención increméntase debido á situación económica nestes países
Unha vez en Galicia, a estancia oscilará entre os 15 e os 45 días, e hai que ter en conta que serán os vosos familiares os encargados de sufragar os gastos de mantemento e hospedaxe. Pola súa parte, Emigración velará pola vosa saúde no traslado e organizará o reencontro coas familias.
A convocatoria deste ano reserva 80 das 215 prazas a residentes en Arxentina; 50 aos de Venezuela; 37 aos de Uruguai; 20 aos de Brasil; 10 aos de Cuba; e 18 ao resto de países de América. Esta asignación podería variar en función de razóns económicas ou para completar prazas vacantes.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, aínda que tamén poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se establezan nos países de procedencia.