• Máis dun centenar de negocios implantaranse este ano na nosa terra grazas a unha iniciativa promovida pola Fundación Ronsel en colaboración coa Xunta, e que busca apoiar e asesorar aos emprendedores galegos que regresan para que poidan contar cunha maior garantía de éxito
20
Jul
2022

Calquera proceso de retorno leva sempre aparelladas moitas claves. Unha delas, talvez a máis importante, pasa pola consolidación dun marco laboral estable. Neste escenario, moitos dos que decidides volver a Galicia apostades por impulsar, co coñecemento adquirido, os vosos propios negocios. E cando falamos de emprendemento, nunca está de máis contar coa experiencia e o consello daqueles que xa afrontasen unha situación similar. 

Neste marco, nacía o programa MERLO, unha iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral de Emigración e a Fundación Ronsel, que ten como obxectivo acompañar a aqueles galegos que volvedes á nosa terra para promover os vosos negocios

Así, o programa ofrece mentorización, e por tanto, apoio e asesoramento, a aqueles emprendedores galegos que volvedes á nosa terra, acompañándovos así no desenvolvemento e consolidación dos vosos negocios ou actividades profesionais, co obxectivo de que poidades contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a vosa integración social e empresarial en Galicia.

Os mentores realizan un servizo de acompañamento que reforza as vosas habilidades e fortalezas para potenciar e consolidar os vosos proxectos profesionais, contribuíndo así a mellorar a competitividade e produtividade das vosas ideas de negocio e garantindo a vosa permanencia na nosa terra.

Dos 104 rexistrados no programa para este ano, o 60% son mulleres e o 75% do total teñen entre 20 e 49 anos. Os beneficiarios proceden de 21 países diferentes e os seus negocios atópanse inmersos en tipoloxías de proxectos de todo tipo, desde enxeñerías pasando por Industria 4.0, negocios en liña ou hostalería.

Tal e como destaca Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, o éxito da primeira convocatoria “levou a continuar a colaboración coa Fundación Ronsel, e este ano cubríronse completamente o número de prazas ofertadas, chegando así ao centenar de empresarios tutelados". "Isto demostra que se trata dunha moi boa experiencia que cumpre coa súa finalidade”, engade. 

Neste sentido, cabe lembrar que a Secretaría Xeral da Emigración mantén nestes momentos aberta a súa liña de axudas para o apoio ao retorno emprendedor, cun orzamento dun millón de euros. Desde 2017 destináronse a leste programa tres millóns de euros, con máis de 500 proxectos apoiados que permitiron unha mobilización de 25 millóns de euros na economía galega.

Compartir