- Durante os catro últimos anos ofrecéronse 900 bolsas BEME e apoiouse a 500 emprendedores retornados no impulso do voso negocio
- O goberno galego traballa xa nunha nova estratexia para o período 2022-2025 que con novas liñas que se basean nos resultados conseguidos e na experiencia adquirida
Durante os últimos 4 anos, preto de 22.000 galegos volvestes a casa grazas ás facilidades ofrecidas pola Estratexia Retorna posta en marcha en 2018 polo Goberno galego. Un esforzo sobre o que agora traballa a propia administración autonómica para impulsar outro plan estratéxico que siga facilitando o regreso á nosa terra de todos aqueles que, polos motivos que sexa, un día tivestes que partir.
Neste sentido, a estratexia suma distintas actuacións, entre as que destacan algunhas como as bolsas BEME, que ofreceron ata a data 900 prazas para que os fillos e netos da nosa diáspora puidesen cursar un máster nas universidades galegas ou realizar aquí os seus estudos de Formación Profesional.
Son moitas as historias de bolseiros que vos fomos contando nestas páxinas, do mesmo xeito que tamén son moitos os que, tras cursar os vosos estudos en Galicia, continuastes aquí o voso proxecto persoal, familiar e profesional: ata o 70% dos participantes.
Este programa entronca con outro, o de retorno emprendedor, que permitiu xa apoiar a 500 emprendedores no impulso do voso negocio cando volvestes a Galicia.
Así mesmo, cabe destacar tamén a creación dunha única canle de información e asesoramento dixital, pioneiro en España, o Portal Retorna, que supera xa as 100.000 visitas, así como a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, descentralizada nas catro provincias, desde da que se apoia a máis de 6.500 familias.
Tres ideas básicas
A Estratexia, aprobado en 2018, susténtase sobre tres ideas básicas: o dereito dos galegos para retornar; o impulso demográfico; e a mellora da nosa competitividade económica. O obxectivo era facilitar o retorno de 20.000 galegos, unha cifra que se superou a pesar da pandemia. Agora, a nova estratexia 22-25 achegaravos novas liñas baseándose nos resultados conseguidos e na experiencia adquirida.
O conxunto de medidas impulsadas facilitaron o crecemento da poboación da comunidade autónoma e un saldo migratorio positivo en 2019 de máis de 17.000 persoas. Tamén permitiu o seu rexuvenecemento, con máis de 12.700 retornados de menos de 45 anos.
En 2020, a idade media do conxunto de persoas que volvestes a Galicia para fixar a vosa residencia non alcanza os 37 anos. Unha liña que reforzan os datos educativos, con máis de 10.000 alumnos procedentes do estranxeiro que forman parte dunha familia retornada.