• Estas axudas están dirixidas a entidades locais e organizacións sen ánimo de lucro e podedes beneficiarvos delas os galegos retornados
26
May
2022

Se queres traballar en Galicia, aquí tes outra oportunidade: os programas integrados de emprego que cada ano promove o goberno galego incrementan o seu orzamento ata superar os 10 millóns. Unha cifra que permitirá poñer en marcha 41 plans para formar e incrementar as oportunidades laborais de máis 4.100 desempregados, e aos que podedes sumarvos os galegos retornados. O prazo de solicitude finaliza o próximo 23 de xuño. 

Ás axudas poderán optar as entidades locais, xuntas ou agrupadas, e as organizacións con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro. Serán elas as que deseñen os programas integrados de emprego. En cada un deles tomarán parte 100 persoas desempregadas. Un mínimo do 35% do total de participantes en cada programa deberá atopar un traballo ao final das accións desenvoltas. En concreto, deberán ser contratadas ou contratados, polo menos, durante 90 días por conta allea durante os 12 meses de execución do programa integrado ou iniciar no mesmo prazo ou nos 3 meses posteriores a esta formación unha actividade por conta propia. Tamén poden formar parte como socios/as traballadores/as dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses.

A Administración autonómica ofrece tamén nesta edición bolsas de sete euros por día para a asistencia dos demandantes de emprego. E asume os custos salariais do persoal necesario para impartilas, así como de desprazamento do devandito persoal e gastos materiais e técnicos, entre outros. 

Do mesmo xeito que noutras políticas de emprego, a Xunta tendrá como destinatarias prioritarias, entre outras, ás mulleres, ás persoas en risco de exclusión social, vítimas da violencia de xénero, menores de 30 anos, maiores de 45, persoas con discapacidade ou inmigrantes

A Xunta quere fomentar os proxectos innovadores que se caractericen pola utilización das novas tecnoloxías. Tamén as actividades que propoñan medidas de conciliación e que estean vinculadas co territorio onde se imparten. 

Os Programas Integrados de Emprego deben poñer o foco en accións encamiñadas á información, orientación e asesoramento, formación nas especialidades do catálogo do Servizo Estatal de Emprego (SEPE), técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade emprendedora, prospección laboral, formación para o emprego, práctica laboral e mobilidade xeográfica. 

Emprego feminino

A orde da Xunta reservará, do mesmo xeito que outras convocatorias anteriores, 2 millóns de euros do total para financiar programas que se dirixan en exclusiva a mulleres desempregadas co obxecto de que reciban atención específica que lles dea acceso ao mercado laboral. 

No obxectivo da Administración autonómica de impulsar o emprego feminino, promóvese este ano tamén, cun investimento de 2,8 millóns, a inserción laboral de máis de 1.000 mulleres cun novo programa de apoios. Incentivarase o deseño, por parte de concellos de menos de 5.000 habitantes e agrupacións de municipios, de programas integrados de emprego feminino que combinen orientación, formación e asesoramento laboral.

Compartir