- Teredes dereito aos descontos que ofrece esta credencial en todo o territorio nacional e nos 40 países que están adheridos ao programa Carné Xove Europeo
Os mozos que residides na diáspora teredes acceso ao Carné Xove antes de que finalice oano . Así o sinalaba na última semana a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, nunha visita aos participantes no campo de voluntariado para a emigración que se está celebrando en Castro de Rei.
Con esta medida, os mozos que residides na Galicia do exterior contaredes coas mesmas vantaxes que a que vive na nosa comunidade. Así, tamén poderedes acceder aos descontos en establecementos turísticos, comercios, transporte, cinema, museos ou librerías aos que dá dereito o Carné Xove en todo o territorio nacional e nos 40 países europeos que están adheridos a este programa.
A vintena de participantes neste campo de voluntariado, procedentes de Arxentina, Venezuela, Brasil, Cuba e Uruguai, foron os primeiros en recibir esta mañá o Carné Xove e xa poderán utilizalo durante a súa estancia.
Actividade arqueolóxica
Desde o pasado día 8 e ata hoxe martes, estes mozos descendentes de emigrantes galegos e con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos participan en tarefas de posta en valor do castro de Viladonga. En colaboración co equipo de profesionais que traballa na restauración deste xacemento arqueolóxico, estes voluntarios traballaron na limpeza e consolidación deste ben cultural.
A programación deste campo complétase, ademais, cun taller téxtil, con roteiros de sendeirismo, actividades en Kayac, e con excursións a cabo Ortegal, Ribadeo ou Lugo, entre outros lugares.