- A industria demanda 80 titulados universitarios e 200 persoas no relativo a persoal cualificado non titulado universitario
O Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG) celebraba esta semana a súa asemblea xeral ordinaria, abrindo a porta á necesidade de cubrir 280 postos de traballo nun sector que creceu "vertiginosamente", en palabras do seu presidente, Enrique Mallón.
O responsable do CAG destacou que a industria aeroespacial galega rexistrou importantes incrementos do 5% en emprego (1.600 postos) e o 25% en facturación (132 millóns de euros de facturación). "Estes incrementos están motivados pola recuperación da aviación comercial a niveis prepandemia, pero tamén polos enormes nichos de mercado abertos en materia de defensa e drons", expón.
"Hai 10 anos despegou esta industria de forma moi potente en Galicia. Se miramos dúas décadas atrás, practicamente nin existía. O camiño que percorremos foi vertixinoso, e a realidade é que Galicia coñécese hoxe no mundo por ter provedores de primeiro nivel", continúa Mallón. Actualmente, os proxectos con maior proxección para as empresas galegas son os relacionados cos drons, a aviación comercial internacional e, especialmente, en defensa pola situación xeopolítica actual.
Á procura de profesionais
Entre os retos que afronta o sector, o CAG destaca a falta de profesionais, algo que se palía en parte polo grao de enxeñería aeroespacial da Universidade de Vigo no seu campus de Ourense. Aínda así, destacan desde o consorcio, resulta difícil atraer ou mesmo reter ese talento en Galicia. "Necesitamos actualmente un mínimo de 80 titulados universitarios e 200 persoas no relativo a persoal cualificado non titulado universitario", aseguran.
Este e outros temas abordaranse na VI edición do Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial (CIAG), que organiza o CAG, coa colaboración da Xunta de Galicia, na cidade de Ourense os próximos 13 e 14 de xuño. Entre os seus relatores estarán representantes de empresas líderes da industria aeroespacial galega e os seus socios estratéxicos, como Airbus, Boeing, Leonardo, Grupo Aeronnova, Aerospace Valley ou Tecnobit.
A industria galega ten as súas capacidades produtivas ocupadas ao 90%, pero, aínda así, no CAG insisten na importancia de que as empresas se penetren no sector aeroespacial, polas grandes oportunidades que presenta, especialmente no segmento de drons e de defensa.