- O XIII Pleno do Consello centrarase na análise de diversos relatorios dos campos da galeguidade, a cultura, o ámbito social e o retorno
O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a resolución pola que se convoca o XIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas en Ourense os días 22 e 23 de setembro. O día anterior reunirase a Comisión Delegada do Consello co obxectivo de pechar o período anterior.
O Consello de Comunidades Galegas é o órgano representativo dos galegos e galegas do exterior a través das entidades asentadas fóra de Galicia que teñen a condición de "comunidade galega" no Rexistro da Galeguidade.
Ao longo deste encontro realizaranse diversos relatorios que centrarán as xornadas de traballo. Os debates versarán sobre os campos da galeguidade, a cultura, o ámbito social e o retorno.
Os Consellos de Comunidades Galegas desenvolvéronse ao longo do tempo en diferentes lugares, sempre en países onde hai comunidades galegas como Cuba, Arxentina, Uruguai e, por suposto, en Galicia.
Un centenar de representantes de entidades galegas diseminadas por todo o mundo reuniranse para analizar a situación da colectividade galega do exterior e as súas necesidades, así como o papel da Xunta no apoio a estes centros para a promoción da cultura e a lingua galegas no mundo, nunha cita que se celebra cada tres anos desde fai máis de tres décadas. Tamén se falará ao longo destes dous días da orientación futura das políticas de retorno que facilitan o regreso dos galegos e galegas do exterior a Galicia.
A Comisión Delegada
Pola súa banda, a Comisión Delegada reunirase o día previo ao comezo do Consello, o 21 de setembro, en Ourense.
A Comisión é o órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da comunidade e está conformada por doce entidades electas, catro representando aos galegos e galegas de América e do resto do mundo, catro que representan a Europa e outras catro que representan ás e os galegos que residen nas comunidades autónomas españolas. A estas hai que engadir as entidades que teñen o carácter de membros natos por contar con máis de 20.000 persoas asociadas.