• Todos os interesados podedes ir preparando a documentación necesaria para optar a unha axuda que permite realizar un máster o curso 2023/24 nunha das tres universidades galegas
24
Jan
2023
Acto de entrega de diplomas dunha das edicións.

Só faltan uns días para que se abra a nova convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME, un programa destinado, como sabedes, a todas aquelas universitarias e universitarios galegos do exterior que queirades realizar un máster o curso 2023/24 nunha das tres universidades da nosa terra. 

Ata o momento, as BEME ofreceron a posibilidade de volver a Galicia a 1.400 estudantes -incluíndo as bolsas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que ofrecen prazas de FP-, impulsando deste xeito o retorno do talento galego. É o caso de numerosas historias que fomos contando nestas páxinas, como a de Gustavo, a de Camila, a de Nerea, a de Fabiola, a de Óscar, a de Tamara ou a de Manuela. Mozos galegos, venezolanos, chilenos, arxentinos, uruguaios, brasileiros… cunhas raíces comúns e a vontade compartida de volver ás súas orixes. Á Galicia na que naceron eles ou os seus pais e avós.

Lembrade que para ser beneficiarios da iniciativa debedes ser galegas ou galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior e estar admitidos na preinscrición dalgún dos másteres das universidades galegas.

A bolsa conta cun importe de entre 7.500 e 12.000 euros (en función do voso continente de orixe). Cabe lembrar que á convocatoria do ano pasado das BEME Máster presentáronse case 532 solicitudes procedentes de preto de 35 países distintos, un 12 % máis que o ano anterior.

Compartir