- Ata o momento, as BEME ofreceron a posibilidade de volver a Galicia a 1.400 estudantes -incluíndo as bolsas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que ofrecen prazas de FP-, impulsando deste xeito o retorno do talento galego
Só faltan uns días para que se abra a nova convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME, un programa destinado, como sabedes, a todas aquelas universitarias e universitarios galegos do exterior que queirades realizar un máster o curso 2023/24 nunha das tres universidades da nosa terra.
Ata o momento, as BEME ofreceron a posibilidade de volver a Galicia a 1.400 estudantes -incluíndo as bolsas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que ofrecen prazas de FP-, impulsando deste xeito o retorno do talento galego.
É o caso de numerosas historias que fomos contando nestas páxinas, como a de Gustavo, a de Camila, a de Nerea, a de Fabiola, a de Óscar, a de Tamara ou a de Manuela. Mozos galegos, venezolanos, chilenos, arxentinos, uruguaios, brasileiros… cunhas raíces comúns e a vontade compartida de volver ás súas orixes. Á Galicia na que naceron eles ou os seus pais e avós.
Hoxe achegámosvos o caso de Manuel Silva, estudante da Universidade de Vigo nas pasadas edicións e oriúndo de Cambados, retornou de Guatemala grazas a esta axuda. Neste vídeo anímavos a presentarvos a estas bolsas que permitirán mellorar a vosa formación en Galicia para a busca dun futuro emprego.