• Fronte a esta diminución, increméntanse o número de descendentes nados no exterior, situando o total de galegos da diáspora en 534.972
20
Mar
2024

O número de emigrantes galegos (persoas que naceron en Galicia e residen no exterior) volve baixar un ano máis en 2.861, continuando a tendencia dos últimos exercicios, que reforza a aposta polo retorno na Comunidade. 

Así mesmo, a poboación galega total que reside no exterior continúa incrementándose debido ás novas inscricións de descendentes de galegos nados no estranxeiro. En total, os galegos da diáspora alcanzan os 534.972 tras un incremento de 7.523 persoas segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta diferenza explícase, principalmente, polo aumento da cifra de descendentes de galegos que viven no estranxeiro e que xa naceron no seu país de destino.

Estas novas cifras alteran lixeiramente o mapa da poboación galega no exterior, que segue liderando Arxentina con 181.037, seguida de Brasil con 51.409 e Cuba con 48.784, Suíza 41.188, Uruguai con 40.818, Venezuela, con 32.118, por diante de Estados Unidos de América con 26.108, Francia con 19.848, Alemaña con 17.901 galegas e galegos e o Reino Unido con 16.151.

Nova realidade migratoria

Esta realidade demográfica constitúe unha oportunidade para Galicia, que conta cun importante aliado fóra das nosas fronteiras para superar o reto demográfico que está a atravesar, non só a comunidade, senón toda España.

Con esta finalidade, Galicia foi pioneira na implementación da Estratexia Galicia Retorna que segue facilitando que os galegos retornen con programas como as bolsas BEME ou a liña de apoios ao retorno emprendedor

Precisamente o ano pasado, coñeciamos un fito importante para a comunidade galega, xa que, por segundo ano consecutivo, alcanzouse unha cifra histórica de retorno. Un total de 7.957 galegos decidiron volver a Galicia desde os seus países de residencia actual.

Compartir