• As feiras de emprego celebradas en Arxentina e Uruguai arroxan cifras que mostran o éxito dunha iniciativa pioneira, pensada para o regreso a Galicia
14
Apr
2025
Trátase dunha iniciativa vinculada ao programa Retorna Cualifica Emprego

A semente está a empezar a dar froito: preto de 30 persoas xa foron contratadas tras o seu paso polas feiras, e outras 250 están inmersas en procesos de selección. O obxectivo é claro: que os galegos e galegas do exterior —e os seus descendentes— poidan volver á súa terra cunha oportunidade profesional firme e estable.

Estas feiras son moito máis que un encontro entre empresas e candidatos: son unha ponte directa ao regreso con garantías. En Buenos Aires (6 e 7 de marzo) reuníronse 2.346 asistentes, mentres que en Montevideo (10 de marzo) participaron 1.221 persoas. En total, máis de vinte empresas e cinco agrupacións industriais de sectores crave como o TIC, agroalimentario, metalmecánico, transporte ou loxística desprazáronse ata alí con ofertas reais e procesos de selección abertos.

Galicia busca talento... e faio cun compromiso firme

Hoxe en día, máis de 100 empresas galegas xa forman parte do programa Retorna Cualifica Emprego, con máis de 600 vacantes activas en toda Galicia. Pero máis aló dos números, o que se busca é ofrecer unha atención personalizada, integral e realista, que axude tanto ás empresas como ás persoas para tomar decisións con todas as garantías.

Durante as feiras tamén se ofreceron charlas e talleres prácticos sobre como preparar entrevistas online, como emprender en Galicia, como xestionar trámites de retorno, e presentouse toda a rede institucional que apoia a quen decide dar o paso de volver: a Secretaría Xeral dá Emigración, o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), entre outras entidades.

Un programa deseñado para volver con todo

O Retorna Cualifica Emprego está pensado para galegos e galegas do exterior menores de 55 anos, ofrecéndolles a posibilidade de regresar cun contrato laboral indefinido. Xa van pola segunda edición, cun orzamento de 2,3 millóns de euros, e máis de 3.000 persoas inscribíronse, especialmente desde Arxentina (1.060), Cuba (834) e Uruguai (426). Ademais, case o 70% das persoas interesadas ten menos de 45 anos.

Toda a información está dispoñible en retornacualificaemprego.gal , onde xa se rexistraron preto de 26.000 visitas, e máis de 12.300 persoas consultaron alí os detalles destas feiras.

Galicia Retorna: unha estratexia pioneira

Retorna Cualifica Emprego é unha da medidas clave da Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450 millóns de euros ata 2026. Galicia consolídase así como unha comunidade pioneira en políticas de retorno, en liña coas recomendacións da Unión Europea, apostando por un modelo que une a atracción de talento con empregos de calidade e o arraigamento territorial.

Porque volver a casa é máis fácil cando o traballo xa che espera.

Compartir