- O saldo migratorio da nosa terra en 2020, é dicir, a diferenza entre as entradas e as saídas, volve ser positivo cun resultado favorable de máis de 14.600 persoas
Galicia converteuse nos últimos anos en terra de retorno; un lugar escollido por miles de persoas cada ano para impulsar os seus proxectos persoais ou familiares; para vir ou para volver; para vivir. Unha percepción confirmada polos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística que reflicten, a pesar dos efectos na mobilidade da pandemia, unha diferenza positivos entre entradas e saídas, cun saldo migratorio favorable de 14.616 persoas.
Esta cifra, aínda que un 17,6% inferior á alcanzada en 2019 por mor da situación sanitaria e social provocada polo Covid19, supón o quinto exercicio consecutivo no que Galicia reflicte un saldo favorable. Neste sentido, a nosa terra mostra o último ano uns valores de de saída de 7,8 persoas por cada 1.000 habitantes fronte ás 13,2 entradas por cada mil habitantes. Unhas cifras que indican que Galicia leva xa anos sendo unha área de atracción para aqueles que desexan iniciar unha nova vida ou retornar á terra.
A análise das idades medias das persoas que entran e saen da Comunidade reflicte que desde o ano 2017 o proceso migratorio está a favorecer o rexuvenecemento da poboación galega, e de feito, as idades media das persoas que chegan a Galicia é inferior á das que saen. No 2020, a idade media das que saíron foi de 37,3 mentres que a das que fixaron na comunidade autónoma a súa residencia foi de 36,9. “Deste xeito, os movementos exteriores, tanto co resto de España como co estranxeiro, producen un efecto de rexuvenecemento da poboación galega no 2020 en todas as comarcas, o que desde a Xunta vemos como un dato esencial para a nosa demografía”, detalla Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración no goberno galego.
Aumentan os descendentes de galegos no exterior
Así mesmo, e en relación aos galegos que residen no exterior, o balance de Indicadores Migratorios destaca que aínda que a poboación de nacionalidade española rexistrada no Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) segue crecendo, faio grazas aos descendentes. De feito, só o 27% das galegos que residen fóra de Galicia naceron na comunidade autónoma, unha cifra que está a decrecer ano a ano, mentres o 72,1% naceu xa no exterior.
Neste sentido, os países de América seguen concentrando a maioría de galegos, o 77,6%, mentres que Europa concentra o 21,5% do total. O 31% ten 65 anos ou máis, mentres o 9,5% ten 15 anos ou menos. De feito, dous de cada tres novas inscricións no PERE de galegos tivo lugar en América, e case o 80% das novas inscricións eran persoas nadas en terceiros países. O 63% das novas inscricións foron persoas menores de 35 anos.