- A nosa terra dará este curso un novo salto na FP con máis profesorado e pola modernización e a innovación
Galicia dará este curso un novo salto na Formación Profesional, con máis profesorado e unha aposta pola modernización e a innovación destes ensinos que son garantía de emprego, cunha inserción laboral que en FP Dual é case do 100%.
Neste marco, mañá ábrese o terceiro período de matrícula de FP no que se prevé un novo incremento de estudantes, na tendencia crecente experimentada nos últimos anos e que garante praza a todos os interesados. Unha vez conclúa este prazo, poderase facer un balance da evolución que apunta a que volverá ser positiva unha vez máis.
Este será o primeiro curso no que Galicia desenvolverá de maneira íntegra a nova Estratexia de FP Galicia 2030, aprobada este ano e dotada con 900M€ ata o próximo ano 2024. Este documento inclúe accións que forman parte da aposta do Goberno galego por unha Formación Profesional útil, con prestixio e confianza, que hoxe se sitúa nunha posición de vantaxe para estudantes e empresas respecto ao resto de España.
Aposta pola FP dual
Unha das prioridade é a FP Dual que, en concreto, este ano aumenta un 20% o número de ciclos e un 25% o de prazas. En total, o Goberno galego redobra a aposta pola FP ofertando 37.588 prazas en primeiro curso en centros con fondos públicos, o que supón 1.700 máis que o ano pasado, e un 52% máis que hai exactamente unha década.