- Os investigadores proceden de áreas como a física nuclear, as ciencias da terra ou a nanotecnoloxía e ata o de agora desenvolveran o seu labor en Reino Unido, Países Baixos ou Suíza
A nosa terra segue sumando talento. E faio nesta ocasión grazas ao Programa de atracción e retención de talento que cada ano promove o goberno galego, e que vivía nas últimas horas a chegada dos seis primeiros científicos beneficiarios da iniciativa, que se incorporan aos centros de investigación universitaria de Galicia procedentes doutros países e comunidades.
O propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de recibilos, dándolles a benvida e subliñando que "desde xa se poñen a traballar ao servizo de Galicia e do conxunto da sociedade".
"Todos eles son investigadores cunha importante traxectoria profesional nos seus respectivos ámbitos, que agora van desenvolver o seu labor desde os centros de investigación punteiros que temos na nosa Comunidade", abundou Feijóo, antes de destacar a importancia do labor científico que "se puxo de manifesto, aínda máis se cabe, no actual momento de pandemia".
Galicia lanzou por primeira vez o ano pasado o Programa de captación e retención do talento investigador, dotado con 5 millóns de euros, co obxectivo de incorporar 15 científicos destacados -10 na modalidade de atracción e cinco na de retención- aos seus oito centros de investigación punteiros.
Ademais dos cinco de retención, nestes momentos están xa traballando nestes centros seis científicos da modalidade de atracción, mentres que os catro restantes desta modalidade que xa están seleccionados, dispoñen de catro meses para a súa incorporación.
Dous por cada universidade
- Na Universidade da Coruña (UDC) incorpóranse ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas-Instituto de Investigación Biomédicas da Coruña (CICA-Inibic) un investigador especialista en ciencias da terra e hidrología de chans en sistemas agrícolas e forestais procedente da Universidade Wageningen dos Países Baixos, e outro especialista en nanobiotecnología do Centro de Investigación en Biomateriales de San Sebastián e especializado en nanotecnoloxía de carbono e grafenos.
- A Universidade de Santiago de Compostela (USC) conta cun especialista en Física nuclear de altas enerxías pola Universidade de Pequín e procedente da Organización Europa para a investigación nuclear (CERN) que está incorporado ao IGFAE (Instituto Galego de Físicas de Altas Enerxías) e outro procedente do Instituto Catalán de Investigación Científica (ICIQ) que se incorpora ao CIQUS (Centro Singular de Investigación Química Biolóxica e Materiais Moleculares).
- Pola súa banda, a Universidade de Vigo (UVigo) incorpora ao CINBIO (Centro de Investigación Biomédica) unha especialista química procedente da Universidade de Zúric, e outro científico procedente da Universidade de Bristol, especialista en economía circular, que se incorpora a ECOBAS (Economics and Bussiness Administración for Society).