• Os talleres duais de emprego prevén máis de 70 accións para unhas 1.400 persoas, e ofrecen ao alumnado 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna na que se celebran
09
May
2023
Esta es una de las 100 medidas que integran la Estrategia Galicia Retorna 2023-2026

Galicia mantén a súa aposta polo retorno. Un marco no que o Goberno da Comunidade vén de abrir a nova convocatoria de talleres duais de emprego para o período 2023-2024 que contará cun orzamento de 38,9 millóns de euros. A través de máis de 70 accións promovidas polos concellos, o Goberno galego pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas, priorizando ás persoas con especiais dificultades para entrar no mercado laboral como poden ser os retornados. 

Os talleres duais poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades ou entidades públicas dependentes, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. Ofrecen ao alumnado 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna na que se celebran.

Estas accións contribúen ademais a desenvolver actuacións de mellora das dotacións de uso público nos municipios e a reforzar a colaboración da Xunta de Galicia cos concellos.

As alumnas e alumnos participantes nos talleres poden obter un certificado de profesionalidade ao finalizar a experiencia. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa en ocupacións do ámbito das materias impartidas en Galicia por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta de Galicia. O orzamento destinado polo Goberno autonómico este ano a estes incentivos elévase ata os 1,2 millóns de euros.

A Administración autonómica prioriza como participantes nestas accións ás persoas con especiais dificultades para entrar no mercado laboral como emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas e parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Tamén teñen preferencia as candidatas que solicitasen este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, as que teñan prevista a realización de talleres no seu itinerario personalizado de inserción laboral.

Na nova programación, a convocatoria poñerá o foco no campo forestal, na posta en valor dos roteiros do Camiño de Santiago; Aldeas Modelo ou Reservas da Biosfera. Tamén obterán máis valoración as propostas de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e a economía dixital así como as que ofrezan unha maior potencialidade de emprego futuro.

As entidades locais interesadas contan de prazo ata o 5 de xuño para cursar as súas solicitudes. As accións, pola súa banda, terán como data de inicio prevista o 1 de xullo de 2023.

Compartir