• O goberno galego reforza os programas de axudas destinados a atender aos centros galegos repartidos polo mundo ante a complicada situación xerada pola pandemia do Covid
  • Hoxe publícase a orde de axudas para a mellora de infraestruturas e equipamentos das entidades galegas no exterior, podendo presentarse solicitudes ata o próximo 1 de marzo
01
Feb
2021
Hermandad Gallega de Caracas.

A actual pandemia do Covid que está a azoutar a todo o mundo, ten especial incidencia en moitos dos centros e comunidades galegas. Non en balde, a situación sanitaria que vén arrastrando desde hai case un ano obrigou a pechar as portas a moitas delas, limitando de forma substancial os seus ingresos e a súa viabilidade.

Neste escenario, o Goberno galego, a través da Secretaría de Emigración, anunciou esta fin de semana que se reforzarán os distintos programas e iniciativas de apoio que, cada ano, impúlsanse para atender, precisamente, a ese corazón da diáspora: 110 comunidades galegas esparexidas polo mundo, 46 centros colaboradores e 23 de estudo.

Deste xeito aspírase a reforzar a colaboración con moitas delas ante os momentos difíciles que están a vivir, especialmente en América, ante a imposibilidade de abrir as súas portas desde marzo. Ese peche implica non poder realizar moitas das actividades que permiten recadar fondos e garantir o seu futuro: cursos, actos culturais, celebración de festividades, etc. 

Así, o Goberno galego volverá duplicar moitas das partidas destinadas ás entidades do exterior, algo que xa se fixo durante 2020, cando se incrementou ata nun 50% o orzamento dos programas destinado a centros e comunidades. 

Sen ir máis lonxe, hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria da orde de axudas para a mellora de infraestruturas e equipamentos das entidades galegas no exterior, podendo presentarse solicitudes ata o próximo 1 de marzo.  

Unha iniciativa que complementa a outras xa posta en marcha para as familias galegas do exterior, como os apoios promovidos a través do programa de axudas económicas individuais, que xa se poden solicitar desde hoxe.

Ademais, este mércores, 3 de febreiro, publicarase no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior' (BEME), cuxa quinta edición supón un novo incremento, tanto no número de prazas dispoñibles como na dotación económica asignada. O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros para traer de volta a casa a 200 titulados universitarios galegos de todo o mundo, que poderán cursar na nosa terra o seu máster.

A PARTIR DE MAÑÁ, AS ENTIDADES GALEGAS PODEDES SOLICITAR AQUÍ A VOSA AXUDA
Compartir