- O goberno galego activa unha nova liña de actuación que busca axudar aos centros do exterior na conservación do patrimonio, a mellora de equipamentos e a reforma das instalacións
Galicia non se esquece dos centros galegos do exterior. E menos aínda coas circunstancias derivadas da pandemia, que fai menos dun ano obrigaba a moitas entidades en todo o mundo a pechar as súas portas de modo temporal, prexudicando o desenvolvemento das vosas actividades e dificultando a viabilidade económica.
Neste escenario, o Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a nova liña de axudas para as entidades galegas do exterior, que conta cun orzamento de 575.000 euros e que se destinará á conservación do patrimonio, mellora de equipamentos e reforma das instalacións.
Como sempre, podédesvos acoller a esta liña todas as entidades: as comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, e centros de estudo e cultura galega.
Así mesmo, mantense a inclusión dunha liña de axudas para que poidades adquirir aplicacións informáticas de xestión encamiñadas á dixitalización. Deste xeito búscase facilitar a relación coa administración en relación á presentación e xustificación de subvencións, así como co Rexistro de Comunidades Galegas, para que podías actualizar toda a documentación.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 28 de febreiro, e as entidades que o desexedes podedes solicitar ata o 80% do investimento total. Unha partida que inclúe axudas para obras, reforma de instalacións, conservación do patrimonio cultural e mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.