• O orzamento da convocatoria ascende a 120.000€, e as axudas oscilan entre a 835,80 € e a 591 €
06
Oct
2021

Se es galego, volviches a Galicia e estás sen traballo nestes momentos, esta información interésache. A Xunta acaba de publicar a convocatoria de axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2021/2022. Apoios aos que podedes optar os galegos retornados desempregados que esteades interesados

O orzamento da convocatoria ascende a 120.000€ e, en función do tipo de máster que cursedes, a contía da axuda oscila entre a 835,80 € e a 591 €.

O obxectivo é facilitar o acceso das persoas en situación de desemprego a uns estudos que lles permitan mellorar a súa empregabilidade, a través dunha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional que mellora o seu acceso a un mercado de traballo globalizado.

Poderán solicitar estas axudas as persoas tituladas universitarias que estean desempregadas á data de presentación da solicitude e matriculadas no curso académico 2021/2022 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia. Quedan excluídas as persoas que xa gozasen desta convocatoria. A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos, do máster universitario oficial.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de outubro.

Compartir