• O 35% dos fogares axudados nesta situación no seu retorno á nosa terra conta con fillos menores
25
Nov
2021

O retorno, calquera retorno, arroxa sempre situacións complicadas. Tamén nesta época, máis en tempos do Covid. Un marco no que programas como o de Axudas Extraordinarias ao Retorno, que cada ano promove o goberno galego, supoñen un bálsamo para moitas familias, un punto sobre o que apoiarse para concretar a súa volta a casa.

Neste sentido, esta liña facilitou, durante o últimos tres anos, a integración social de máis de 2.000 familias retornadas. Unha actuación para a que, durante este tempo, destináronse 4,6 millóns de euros, ampliándose este ano co obxectivo de paliar os efectos provocados pola pandemia.

En total, esas 2.000 familias representan a máis de 6.000 galegos que contan cunha idade media de 38 anos. Ademais, o 35% destes fogares teñen fillos menores de idade, recibindo tamén por este motivo unha achega específica.

Esta liña de axudas ten como meta facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do retorno. Como sabedes, os beneficiarios sodes todos aqueles galegos que, residindo fóra de España, establecédesvos na nosa terra, tanto os que nacestes aquí como os vosos cónxuxes ou descendentes.

Para xustificar a axuda, debedes contar co empadroamento en Galicia e residir legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do retorno.

As contías máximas son de 6.000 euros, dependendo do número de persoas que conforman o voso fogar e da vosa situación social: idade, dependencia ou fillos menores ao voso cargo.

Compartir