• Sobre o perfil dos ocupados, o emprego durante os dous próximos anos aumentará máis en mulleres (3,2% e 2,4%), en inmigrantes (4,2% e 2,8%) e para maiores de 35 anos (3,5% e 2,2%)
19
May
2022

Galicia creará ao redor de 46.000 novos empregos entre este ano e o 2023 segundo os datos do estudo realizado pola multinacional Manpower Group sobre perspectivas na creación de emprego. As previsións de emprego do Índice apuntan a unha aceleración da recuperación nos próximos dous anos.

Á espera do que poida suceder co actual conflito de Ucraína, o informe da empresa sobre análise e perspectivas de Emprego para Galicia sinala que, tras o incremento do 1,1% experimentado en 2021, espérase que a ocupación creza un 2% en 2022, e que chegue ao 2,2% en 2023, cifra lixeiramente por encima da media nacional (2,1%). Cos 11.000 novos ocupados de 2021 e os 22.000 previstos para 2022, Galicia chegará este ano aos 1.100.000 empregos, de modo que xa superaría a cifra previa á pandemia.

Sobre esta base, espérase que a media da ocupación en 2023 sitúese en 1.124.000 empregos, un 3,3% por encima dos rexistros medios de 2019.

Sectores en auxe

En canto aos sectores que experimentarán un maior crecemento en Galicia, destacan o sector industrial, ligado á loxística; e o transporte, relacionado coa tecnoloxía. Ademais, a industria química ou a sanitaria serán as que máis crezan nos próximos anos.

O crecemento do sector industrial será de entre o 3,5% e o 4,3%, co que xerará 13.000 novos ocupados. O estudo sinala que tres de cada catro postos de traballo a nivel nacional proveñen do sector terciario. En Galicia, esta tendencia tradúcese nunha previsión de crecemento do 2,2% para este sector, uns 34.000 postos de traballo. Con estes datos, os servizos supoñerían o 71,4% do emprego na comunidade, un 0,1% máis que no ano 2021.

Perfís máis demandados

En canto á demanda de emprego, os novos postos de traballo que se esperan reflectirán achegas superiores de traballadores cualificados (652.000 novos ocupados) e profesionais (185.000), a xornada completa (1 millón) e nados en España (823.000), aínda que os inmigrantes crecerán a unha taxa anual do 3,5%, por encima da media da nova ocupación en 2,7%.

Sobre o perfil dos ocupados, o emprego durante os dous próximos anos aumentará máis en mulleres (3,2% e 2,4%), en inmigrantes (4,2% e 2,8%) e para maiores de 35 anos (3,5% e 2,2%), aínda que cabe destacar que en 2021 foi o colectivo de 16 a 34 anos o que máis creceu: un 4,8%, fronte o 2,3% dos maiores.

Ademais, desde a perspectiva das características do emprego, as conclusións do Índice ManpowerGroup establecen que o novo emprego acentuará o seu compoñente asalariado (3,5% e 2,3%) e a xornada completa (2,6% e 2,4%). Entre as esixencias dos demandantes, destaca a flexibilidade en horarios e a conciliación laboral, unha retribución adecuada ou a concienciación da empresa coa saúde mental dos seus empregados.

Compartir