• Galicia volve abrir a porta ao retorno con emprego. A Xunta activa unha nova edición do programa Retorna Cualifica Emprego, que busca facilitar a volta de 200 galegos do exterior con contrato de traballo, formación e axudas para instalarse na comunidade.
12
May
2026
Retorna Cualifica Emprego

Volver a Galicia cun contrato de traballo xa pechado, axuda para instalarse e apoio durante todo o proceso. Ese é o obxectivo dunha nova edición do programa Retorna Cualifica Emprego, unha iniciativa da Xunta que acaba de abrir o seu prazo de solicitude e que prevé facilitar o regreso doutros 200 galegos do exterior durante os próximos meses.

A convocatoria, enmarcada na Estratexia Galicia Retorna, permanecerá aberta ata o próximo 30 de xuño e conta cun orzamento bianual de 2,3 millóns de euros. 

O programa está dirixido a galegos emigrados e aos seus descendentes menores de 55 anos que desexen desenvolver o seu proxecto de vida e profesional en Galicia. A diferenza doutras iniciativas de retorno, Retorna Cualifica Emprego conecta directamente ás persoas interesadas con empresas galegas que necesitan cubrir vacantes reais en sectores con falta de man de obra.

A fórmula xa demostrou resultados nos seus dúas primeiras edicións. Preto de 400 galegos procedentes de 21 países regresaron a Galicia grazas a este programa, moitos deles acompañados polas súas familias. En total, máis de 160 familiares retornaron tamén xunto aos beneficiarios, instalándose en 60 concellos galegos distintos. 

Emprego, formación e axudas para comezar unha nova vida en Galicia

Un dos aspectos máis valorados do programa é que non se limita unicamente a ofrecer emprego. A iniciativa inclúe tamén formación específica para adaptar o perfil profesional de cada participante ás necesidades concretas das empresas galegas.

Ademais, a Xunta mantén as axudas para facilitar o asentamento en Galicia, incluíndo apoios para o aluguer de vivenda incorporados na pasada edición. 

Nesta nova convocatoria introdúcese ademais unha novidade importante: amplíase de 11 a 16 meses o período de prospección, selección e acompañamento. Isto permitirá realizar unha procura máis precisa de candidatos e ofrecer un apoio máis prolongado tanto ás persoas retornadas como ás empresas participantes. 

A intención é axustar mellor cada proceso ás necesidades reais de cada territorio galego, identificando que perfís demanda o tecido empresarial e seleccionando candidatos en orixe que encaixen con esas vacantes.

De Arxentina a Suíza: os países desde os que xa están a regresar galegos

Os retornados das anteriores edicións chegaron desde países como Arxentina, Uruguai, Cuba, Venezuela, Brasil, Colombia, México, Reino Unido, Alemaña ou Suíza. A media de idade rolda os 35 anos e os perfís profesionais abarcan desde hostalería e construción ata industria, comercio, servizos ou sector agrogandeiro. 

Só en 2025, preto de 220 empresas galegas ofertaron ou mostraron interese en cubrir postos a través do programa, implicando a máis de 90 municipios galegos. 

Con esta nova convocatoria, Galicia busca seguir reforzando unha estratexia que combina retorno, emprego e loita contra a falta de man de obra en sectores crave, á vez que facilita que moitos galegos do exterior poidan reconstruír a súa vida na súa terra de orixe.

Compartir