- O programa, dirixido a mozos de entre 21 e 30 anos, desenvolverase do 8 ao 19 de setembro no campo de voluntariado do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, e ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o próximo 24 de xullo
Se es novo e estás a pensar en aproveitar o verán con algunha actividade que mesture volutariado e cultura, esta información de interesa. Ata o próximo 24 de xullo tes aberto o prazo de solicitudes do programa de lecer "Conecta Voluntariado Galicia", que ofrece 20 prazas para que mozos e mozas galegas residentes no exterior de entre 21 e 30 anos poidan coñecer Galicia a través de actividades que se desenvolverán no campo de voluntariado do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, entre o 8 e o 19 de setembro.
Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos con Galicia a través de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria a través de traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural. O plan do traballo compleméntase cun programa con actividades de convivencia, formación e tempo libre.
En total, ofértanse 20 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presencia de colectividade galega. Os interesados podeís presentar as vosas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta ou das entidades colaboradoras nos distintos países: as delegacións da Xunta en Buenos Aires e Montevideo, a Pena Galega da Casa de España de Río de Janeiro, a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Beneficiencia Rosalía de Castro en Santos, a Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago en Salvador de Baía, a Federación de Sociedades Galegas na Habana, a Irmandade Galega de Venezuela en Caracas e nos rexistros dos consulados de España.
A Secretaría Xeral dá Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e de tempo libre dirixidas á mocidade do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos e galegas nos programas e servizos a favor da mocidade. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia.
A Secretaría Xeral dá Emigración farase cargo da organización da viaxe, dos traslados das e os participantes e custo dos billetes desde o lugar de residencia destas persoas, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes, que se abre mañá, finaliza o próximo 24 de xullo.