• Cada vez máis familias galegas do exterior deciden regresar para ofrecer aos seus fillos unha vida tranquila, segura e próxima; Galicia pon ao seu alcance educación pública de calidade, axudas específicas ao retorno e unha contorna privilexiada para crecer en liberdade
02
Jul
2025
E se Galicia fose o lugar ideal para que crezan os nosos fillos?

Criar a un fillo é, sen dúbida, unha das decisións máis importantes da vida. E cando un faio lonxe das súas raíces, do seu idioma, da súa paisaxe e da súa familia, xorden moitas preguntas. E se volvésemos? E se Galicia fose o lugar ideal para que crezan? Cada vez máis galegos do exterior fanse esa pregunta… e atopan respostas que os empuxan a volver. Aquí dámosche 10 razóns de peso para considerar Galicia como o mellor lugar para criar aos teus fillos.

1. Unha infancia rodeada de natureza

Galicia é un paraíso verde. Aquí, os nenos poden crecer entre bosques, ríos e montañas, praias e cantís. Poden colleitar castañas no outono ou bañarse en pozas escondidas no verán. Esta conexión coa natureza é un agasallo que cultiva a súa imaxinación, a súa saúde e o seu equilibrio emocional. En tempos de pantallas e urbanismo, Galicia ofrece un regreso ao esencial.

2. Educación pública de calidade

A comunidade galega conta cunha rede educativa ampla, próxima e comprometida coa equidade. Desde os centros de educación infantil ata as universidades, Galicia aposta por un ensino plural, onde se combinan tradición e innovación. O acceso a recursos dixitais, programas de plurilingüismo, proxectos de innovación pedagóxica e o coidado da diversidade fan que moitos galegos que vivían no estranxeiro vexan en Galicia unha oportunidade educativa de primeiro nivel.

3. Conciliación real

Criar en Galicia non significa renunciar a traballar. A conciliación familiar e laboral é unha prioridade crecente, e existen medidas que a fan posible: horarios escolares compatibles, servizos de madrugadores, comedores escolares ben xestionados, campamentos subvencionados durante as vacacións ou axudas directas para o coidado infantil.

4. Rede de escolas infantís públicas e gratuítas de 0 a 3 anos

Galicia situouse como referente estatal en escolarización temperá. O acceso gratuíto a escolas infantís públicas desde os 0 anos permite a moitas familias incorporarse ao traballo ou emprender sen que o custo do coidado infantil sexa unha barreira. Os centros están presentes en cidades e vilas, e cada ano a rede amplíase. Un recurso crave para pais que volven do estranxeiro con nenos pequenos.

5. Vínculo coa familia e as raíces

Volver a Galicia é tamén volver abrazar. Os avós, as tías, os curmáns... os afectos que crían contigo. E non só iso: é recuperar o idioma, as festas, os xogos de infancia, o son da gaita nunha verbena, o sabor do pan de pobo. É ensinarlles aos teus fillos de onde veñen e permitirlles crecer sabendo quen son. A galeguidade non é só unha identidade: é unha rede emocional e cultural que nutre.

6. Seguridade e calidade de vida

Galicia é unha das rexións máis seguras de Europa. As súas taxas de criminalidade son baixas, mesmo nas cidades, e as contornas rurais son espazos onde os nenos aínda poden xogar na rúa sen medo. A iso súmase un estilo de vida menos frenético, menos contaminado e máis próximo. Respirar tranquilo é, moitas veces, o mellor legado que podemos ofrecerlles.

7. Acceso a vivenda máis alcanzable

A diferenza de moitas capitais europeas, Galicia aínda permite soñar cunha vivenda digna sen hipotecar o futuro. Comprar ou alugar unha casa é máis alcanzable, o que se traduce en estabilidade para criar, proxectar e enraizarse. Para familias novas ou con fillos pequenos, esta diferenza pode ser clave para decidir o retorno.

8. Sistema sanitario público universal

A sanidade pública galega ofrece cobertura universal e gratuíta, cunha rede de centros de saúde e hospitais que garante atención pediátrica, vacinación, revisións e seguimento. As familias retornadas acceden a este sistema en igualdade de condicións, e poden confiar nunha atención próxima, profesional e accesible. Porque a tranquilidade tamén se mide en saúde.

9. Unha infancia máis libre e menos acelerada

En Galicia os nenos seguen xogando na praza, saíndo ao monte co cole ou pasando as tardes cos seus avós na aldea. Viven con menos ansiedade, con menos présas, con máis liberdade. Nun mundo que cada vez esixe máis aos máis pequenos, Galicia ofrece tempo. Tempo para descubrir, para aburrirse, para inventar, para crecer ao seu ritmo.

10. Axudas específicas para familias retornadas

Volver non é fácil, pero Galicia faio máis sinxelo. A través de programas como Retorna 2025, Bolsas BEME, Retorna Talento ou as oficinas de asesoramento ao retorno, a Xunta e outros organismos ofrecen acompañamento e axudas concretas: económicas, educativas, laborais ou de vivenda. E todo iso pensado para que ti e a túa familia poidades empezar de novo, con todo a favor.

Guía básica de axudas para familias que retornan a Galicia

Estratexia Galicia Retorna

Busca facilitar o regreso de galegos e os seus descendentes que viven no estranxeiro. Este plan inclúe diversas medidas e programas para apoiar o retorno en áreas como o emprego, a formación, a vivenda e o emprendemento.

Bolsas BEME para estudos universitarios

Axudas para fillos e fillas de galegos do exterior que queiran estudar nalgunha das universidades galegas. Inclúen matrícula, aloxamento, manutención e viaxe.

Reencontros en Galicia

Facilita estancias en Galicia para persoas maiores emigradas, pero tamén reforza o vínculo interxeracional para netos/as de galegos do exterior.

Axudas para escolas infantís 0-3

Acceso gratuíto a escolas infantís públicas para todos os nenos e nenas residentes en Galicia. Tamén para os retornados.

Ouficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno

A Xunta conta cunha oficina especializada que che acompaña paso a paso no teu regresou: escolarización, sanidade, vivenda, homologación de títulos etc.

Programa de retorno emprendedor

Se estás a pensar en emprender ou en volver coa túa experiencia laboral do estranxeiro, hai programas específicos para axudarche con formación, axudas económicas e acompañamento.

Compartir