- A iniciativa, posta en marcha pola asociación de Mozos Emigrantes Retornados en Galicia – AJERGA, busca poñer voz a emigrantes e descendentes retornados, con tres categorías: relato breve, peza audiovisual e artes plásticas / fotografía
A asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia – AJERGA – puxo en marcha o concurso de relatos “Cousas do Retorno”, dirixido a todos aqueles que volvésedes a Galicia e queirades darlle visibilidade á vosa historia.
A iniciativa busca poñer voz a emigrantes e descendentes retornados, con tres categorías: relato breve, peza audiovisual e artes plásticas / fotografía.
Un xurado formado por tres voces da cultura, a literatura e a emigración outorgará un premio de 250 € en cada unha delas. Os participantes poderán enviar unha obra por categoría a través do portal https://retornoxove. gal/cousas-do-retorno/ ata o 30 de setembro.
A presidenta de AJERGA, María Belén Rosbier, sinala que este concurso “pretende crear un relato colectivo que complete e actualice o discurso histórico da emigración, achegando un novo punto de vista desde o que observar e ( re)descubrir a identidade, a cultura e a historia de Galicia”.
Neste sentido, dl concurso diríxese a todas as persoas que senten a experiencia da gran diáspora galega a través da súa propia historia. Fernanda Góngora Míguez, vicepresidenta da asociación, engade que “a proposta busca sumar e unir novas pezas ao gran mosaico da emigración galega dos séculos XX e XXI. É unha invitación para escribir xuntos este novo capítulo da historia que une á Galicia do pasado coa Galicia Emigrante e a Galicia Retornada”.
O concurso toma o nome das “Cousas” de Castelao (escritas entre 1919 e 1926), un conxunto de relatos breves que interpretaban a realidade galega e o seu tempo publicados poucos anos antes de que o autor iniciase o seu exilio en Latinoamérica. El nunca puido retornar, pero si moitos fillos e netos de galegos, que agora lle renden homenaxe deste xeito.