• Es galego no exterior entre 15 e 20 anos? Ata o 24 de marzo podes pedir a túa praza para pasar dez días aquí, hai 174!
02
Mar
2020

Será unha das mellores experiencias que vivises, aquí en Galicia, unha oportunidade única de coñecer a terra dos teus pais e avós e a outros descendentes de emigrantes como ti, cos que compartir momentos, tamén con mozos galegos que che achegarán á realidade da comunidade.

Trátase de Conecta con Galicia, un programa de actividades ao aire libre para os galegos de entre 15 e 20 anos que vivides no exterior, un plan de dez días para interactuar, intercambiar experiencias e coñecer e sentir Galicia máis preto. 

Paréceche un bo plan para este verán? Pois isto é o que tes que saber.

É un programa da Secretaría  Xeral da Emigración, en colaboración coa Consellería de Política Social, que ofrece ata 174 prazas! para que veñas a Galicia en xullo. A convocatoria abriu onte e tes ata o próximo 24 de marzo para pedir a túa participación. Podes facelo a través da sede electrónica da Xunta.

A subvención cobre o custo dos billetes de avión (ao 100%, ao 50% ou ao 0%), os traslados e o aloxamento e manutención. 

Preguntarasche que vas facer en Galicia. Nunha primeira etapa, “Cultura e camiño”, percorrerás o Camiño de Santiago como un peregrino máis ata chegar a Compostela e coñecerás o patrimonio histórico cultural galego, aloxándoche en residencias xuvenís en Lugo e Ourense. O seguintes cinco días vivirás “O mar de Galicia” con actividades de lecer relacionadas cos deportes náuticos no albergue coruñés de Gandarío (Bergondo). Tamén terás a oportunidade de achegarche ao que se fai aquí visitando empresas punteiras.

Os que xa conectaron con Galicia anímanche a gozar dunha experiencia que che cambiará. Queres saber como o viviron os últimos participantes? Contámoscho aquí. E non deixes de ver o seguinte vídeo.

Compartir