- Case 50.000 galegos do exterior regresaron a Galicia desde 2018, consolidando o retorno como unha realidade cada vez máis habitual. Axudas, programas de emprego, bolsas para estudar e apoio ao emprendemento facilitan hoxe que moitos galegos volvan para iniciar unha nova etapa na súa terra.
Durante décadas, Galicia foi terra de partida. Miles de galegos cruzaron océanos buscando oportunidades lonxe de casa. Hoxe, con todo, esa historia está a cambiar. Cada vez son máis os que deciden volver e comezar unha nova etapa na súa terra de orixe.
Os datos reflícteno con claridade: desde 2018 ata 2024 regresaron a Galicia 49.995 galegos e galegas, unha cifra que confirma que o retorno xa non é un fenómeno puntual, senón unha tendencia consolidada. De feito, nese mesmo período a comunidade gañou máis de 140.000 habitantes grazas ao saldo migratorio positivo, o que mostra un cambio de tendencia que está a transformar o mapa demográfico galego.
Só en 2024 regresaron 8.435 persoas, a segunda cifra máis alta da serie histórica. Ademais, a maioría de quen volve fano en idades activas: o 85 % ten menos de 65 anos e o 57 % menos de 45, o que contribúe tamén a rexuvenecer a poboación.
Un acompañamento para volver con máis facilidade
Regresar a Galicia despois de vivir no exterior implica tomar moitas decisións: buscar vivenda, atopar traballo, resolver trámites administrativos ou escolarizar aos fillos. Para facilitar ese proceso existe a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, un servizo que acompaña ás familias antes da súa chegada e durante os seus primeiros pasos en Galicia.
Só en 2025 este servizo atendeu a máis de 8.000 familias e xestionou máis de 30.000 consultas. Desde 2020 xa pasaron por esta oficina máis de 34.000 familias, que realizaron preto de 170.000 consultas relacionadas co retorno.
A esta rede súmase a Oficina Móbil de Retorno, que desde 2024 percorre municipios do rural galego para achegar información e asesoramento. No seu primeiro ano realizou máis de 400 visitas a 217 concellos, atendendo a máis de 600 familias.
Axudas para comezar unha nova etapa
O regreso a Galicia tamén conta con apoio económico para facilitar os primeiros meses tras a volta. As axudas extraordinarias ao retorno están pensadas especialmente para familias que necesitan un respaldo inicial mentres se asintan de novo na comunidade.
En 2025 destináronse case 4 millóns de euros, a maior cifra na historia do programa. Grazas a esta liña de apoio 1.340 familias recibiron axudas, cunha contía media próxima aos 3.000 euros. Desde 2018, máis de 7.500 familias beneficiáronse destas axudas, cun investimento total que supera os 19 millóns de euros.
Emprender en Galicia tras volver do exterior
Para moitos galegos do exterior, o retorno tamén é unha oportunidade para poñer en marcha novos proxectos. O programa Retorno Emprendedor axuda a converter esas ideas en negocios reais.
En 2025 concedéronse 145 axudas, cun investimento de 1,2 millóns de euros. Desde a posta en marcha da Estratexia Galicia Retorna xa se apoiaron máis de mil proxectos empresariais impulsados por galegos retornados, contribuíndo a dinamizar a economía en diferentes puntos do territorio.
Ademais, o prazo para solicitar estas axudas está actualmente aberto, o que permite a quen está pensando en regresar comezar a preparar o seu proxecto empresarial con apoio público.
Bolsas para estudar e quedar en Galicia
O retorno tamén se impulsa a través da formación. As bolsas BEME permiten a mozos galegos do exterior cursar un máster nunha universidade pública galega, facilitando así a súa conexión co mercado laboral galego.
Este programa celebra a súa décima edición e ofrece 250 prazas cada ano. Desde a súa creación, preto de 2.000 estudantes participaron nesta iniciativa, cun investimento acumulado superior a 13,7 millóns de euros.
O impacto é notable: oito de cada dez estudantes permanecen en Galicia tras finalizar o seu máster, consolidando o seu proxecto persoal e profesional na comunidade.
Actualmente tamén está aberto o prazo de inscrición para solicitar estas bolsas, unha oportunidade para que mozos galegos do exterior poidan estudar, traballar e construír o seu futuro en Galicia.
Un cambio de tendencia
O retorno converteuse nun dos fenómenos demográficos máis relevantes dos últimos anos en Galicia. En 2024 o saldo migratorio positivo alcanzou as 30.325 persoas, e no últimos catro anos a comunidade gañou case 100.000 habitantes entre quen chegou e quen se marchou.
Son cifras que reflicten algo máis que un dato estatístico. Detrás de cada número hai historias de familias que volven, de mozas que descobren Galicia por primeira vez e de proxectos que empezan de novo.
Para moitos galegos repartidos polo mundo, o regreso xa non é só unha idea para algún día. É unha posibilidade real que cada ano máis persoas deciden converter na súa próxima etapa de vida.