• A cinta de Xan Leira pon en valor o papel de emigrantes e exiliados na promoción da nosa lingua e literatura en América durante o século XX
02
Dec
2021

A cidade de Buenos Aires foi, durante as seis primeiras décadas do século XX, un centro de produción artística e intelectual galega. Isto quedou patente na edición de boletíns asociativos, revistas e libros a través das entidades emigradas, exiliados e mecenas, do que se dá boa conta no audiovisual.

'Buenos Aires, capital do libro galego' non exilio recupera e presenta, en apenas 57 minutos, a historia da produción editorial en lingua galega que se desenvolveu na capital arxentina durante os primeiros 60 anos do século pasado.

O audiovisual reconstrúe este feito histórico con testemuños de protagonistas ou investigadores daqueles feitos como Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos ou os xa desaparecidos Xosé Neira Vilas, Maruxa Seoane, Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Arturo Cadrado ou Mariví Villaverde, entre outras figuras. Tamén teñen cabida as voces das novas xeracións de galegas e galegos da diáspora, o que lle confire unha perspectiva actual a estes sucesos.

Un traballo do guionista, produtor, director e escritor Xan Leira (Buenos Aires, 1955), que ten centrada a súa obra na recuperación da memoria histórica de Galicia, fundamentalmente nos ámbitos da II República, a Guerra Civil, o Exilio, a diáspora galega e a lingua galega. Sobre estes e outros temas produciu, dirixido e escrito máis de 40 filmes documentais e máis de 100 horas de televisión.

Deste xeito, o documental pon en valor o papel de emigrantes e exiliados na promoción da nosa lingua e literatura en América durante o século XX. Un empeño por darlle vida á lingua galega en América que segue vivo hoxe en día, algo do que dan fe as voces de galegos e galegas das novas xeracións que se recollen no documental.

Compartir