• Arxentina, Brasil, Venezuela, Uruguai, Reino Unido, Francia ou Alemaña son os países cun maior número de bolseiros, dos que 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 98 na de Vigo (UVigo) e 39 na da Coruña (UDC)
19
Aug
2024
Acto de entrega de diplomas da promoción 2019-2020

Ata 250 mozos da Galicia exterior cursarán os seus estudos de post grao nalgunha das tres universidades galegas grazas á nova convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME, o programa impulsado polo Goberno galego que suma unha nova edición na procura de fomentar o retorno da mocidade galega no exterior, nacida en Galicia.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Secretaría Xeral de Emigración, publicou a lista destes 250 mozos galegos beneficiados. Estes proveñen de 22 países distintos, destacando especialmente nesta oitava edición do programa Arxentina, Brasil, Uruguai, Venezuela, e países europeos como o Reino Unido, Francia, Alemaña e Países Baixos.

Entre os admitidos, 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 98 na Universidade de Vigo (UVigo) e 39 na Universidade da Coruña (UDC).

Cabe destacar que a Secretaría Xeral de Emigración pechou este ano o prazo de solicitude das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) -en galego- con máis de 850 galegos universitarios do exterior interesados en obter un máster nunha das tres universidades galegas.

As bolsas BEME

Estas bolsas están destinadas a galegos universitarios residentes fose de Galicia desde hai máis de dous anos ou descendentes de galegos con titulación superior que desexen realizar un dos máster ofrecidos polas tres universidades públicas galegas en calquera dos seus campus.

O obxectivo destas bolsas é que estes mozos poidan completar a súa formación universitaria en Galicia, coa consecuente posibilidade de quedar a traballar e vivir aquí.

Todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral que pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante entre os mozos residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitar o seu establecemento definitivo na nosa Comunidade. Así, a oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

A bolsa, cun importe que varía entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos a realizar, cubrirá gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención en Galicia. Con esta convocatoria, a Xunta reafirma o seu compromiso co talento galego no estranxeiro, ofrecendo xa máis de 2.000 oportunidades de retorno ata a data, coa meta de fortalecer a Comunidade galega a través da educación e a integración profesional.

Compartir