- Mañá finaliza o prazo para que os interesados presenten solicitudes para realizar os seus estudos de post grao nos tres centros da Comunidade
- Hai 150 prazas dispoñibles para unha bolsa con importes que oscilan entre os 7.000 e os 11.475 euros
É a historia de Fabiola, que abandonou Chile para volver á Galicia que lle rumoreaba o seu avó; aquel lugar no que as plantas se regaban soas. Pero tamén é o relato de Gustavo, que está a vivir un soño na terra do seu pai. Ou, simplemente, a oportunidade da que gozaron Óscar, Tamara e Nerea de retornar á Galicia dos seus amores. Existen decenas de fábulas que se fixeron realidade e que vos fomos achegando a través destas páxinas. Todas, co mesmo fío condutor: as bolsas BEME, cuxo prazo de presentación de solicitudes expira mañá.
Este programa ofrece a oportunidade, a todos aqueles mozos galegos do exterior que o desexen, de volver á súa terra para cursar nalgunha das tres universidades da rexión os seus estudos de post grao. Unha vía ao retorno que se abre cada ano, con apoios que oscilan, segundo o lugar de procedencia e o número de créditos do máster, entre os 7.000 e os 11.475 euros.
Se es un mozo galego que quere volver a Galicia, aínda estás a tempo. Ata mañá podes presentar a túa solicitude para optar a algunha das 150 bolsas que o Goberno galego ofrece nesta ocasión.
Unha axuda que che permitirá afrontar os gastos de preinscrición, administrativos e de matrícula na universidade; a viaxe desde o teu país de orixe; e o aloxamento e a manutención durante a túa Galicia.