- Unha familia ourensá lanza un concurso para dar vida á súa vivenda na aldea de Poulo: "A casa para quen a traballa!"
- Se te comprometes a coidar e manter A Casa da Poza e súmasche a esta iniciativa para reactivar o rural, podes enviar a túa proposta ata o 30 de abril
Hai vida no rural e persoas comprometidas para reactivalo e que os pobos non queden abandoados e sumidos no esquecemento. Con este propósito nace unha iniciativa que aínda que pode parecer incrible e idílica, é real e está a ocorrer en Galicia. É a historia de A Casa da Poza.
Situada nunha aldea de Poulo, en Gomesende, na comarca ourensá da Terra de Celanova, unha familia decidiu poñela en aluguer por 50 euros ao ano, si, así, cun só cero, porque se trata dun prezo simbólico.
Porque como eles din “A casa para quen a traballa!”, é a única condición desta proposta, na que “preferimos falar de traballo, de involucrarse, de ilusión e de proxectos que de diñeiro”.
Entre tantas casas de pedra que salpican o verde rural galego, A Casa da Poza é unha antiga vivenda familiar, de 200 metros cuadrados e 1.500 de finca cuxos donos non queren ver como se derruba e pretenden darlle unha segunda vida e unha oportunidade a quen lles interese reconstruíla tras unha década en desuso. Ten cociña, catro habitacións, un baño e un servizo. Ademais dun patio, bodega e un secador de chourizos, unha poza e terreo suficiente para traballalo como horta. E está a media hora en coche de Ourense e a 45 minutos de Vigo.
A través dun concurso que está aberto a propostas ata o 30 de abril, ofrecen un contrato de oito anos prorrogables a dez por un aluguer de 50 euros anuais fixos, porque cren “firmemente en potenciar a reactivación do rural galego a través de acordos de cesión de uso orientados máis ao traballo na vivenda que ao intercambio económico”.
De aquí sae o lema, a casa para quen a traballa, pois o contrato de cesión do uso vai dirixido a aquelas persoas que teñan ganas de habitar, coidar, dar vida e reformar unha casa nunha aldea tranquila, moi pouco poboada e rodeada de natureza.
Si che interesa apoiar su iniciativa tes que comprometerte a residir na vivienda e mantela, aínda que está habitable necesita un acondicionamento e arranxos, e tamén coidar a leira.
O proxecto, relata a familia propietaria, está aberto a todo o mundo, o importante é que estés decidido a iniciar unha vida no rural e o demostres coa túa proposta.
O inquilino ou inquilinos gañadores terán que trasladarse nun prazo máximo de tres meses despois de asinar o contrato.
Se te atreves a participar podes rexistrar o teu proxecto na páxina web que crearon para a ocasión, casadapozapoulo.wordpress.com, onde recollen as bases do concurso, os formularios de solicitude e o contacto. Tamén podes visitar a casa a través das súas fotografías!
Tes ilusión, ideas e ganas de traballar? Se é así, danche a benvida!