• Neste novo grao, que incide especialmente nas áreas de deseño, montaxe e mantemento, figura a dobre titulación: a oficial como Técnico Superior en Automatización e Robótica Industrial, e unha propia outorgada por Siemens como especialista no uso da súa tecnoloxía
16
May
2022

O Campus Politécnico Aceimar estreará o próximo curso 2022/23 o Ciclo Formativo de Grao Superior Automatización e Robótica Industrial. Esta nova titulación ponse en marcha coa colaboración de Siemens, socio tecnolóxico do centro de estudos, "o que nos sitúa na vangarda tecnolóxica e permitiranos formar aos nosos alumnos da forma máis práctica e actual posible no novo marco da industria 4.0", apunta Rubén López, director de Campus Politécnico Aceimar.

Este ciclo superior, que se lanza en pleno auxe da automatización industrial e nun momento de enorme demanda de perfís tecnolóxicos, desenvolverase nunha aula con capacidade máxima para 20 estudantes, que forma parte das novas aulas Smart Factory. O espazo está equipado co novo sotfware para a industria 4.0, cuxo obxectivo é a posta en marcha da fábrica intelixente, e a tecnoloxía do Xemelgo Dixital -un laboratorio virtual que permite simular en tempo real os proxectos de automatización.

Entre os alicientes deste novo grao, que incide especialmente nas áreas de deseño, montaxe e mantemento, figura a dobre titulación: a oficial como Técnico Superior en Automatización e Robótica Industrial, e unha propia outorgada por Siemens como especialista no uso da súa tecnoloxía.

As prácticas laborais son un incentivo engadido, xa que “a FCT (Formación en Centros de Traballo) realizarase nas empresas máis punteiras do sector industrial de Vigo, cidade líder en Galicia neste campo”, como explica Rubén López. Este é, de feito, un dos perfís máis demandados da FP, polo que son cada vez máis as compañías que contactan xa cos estudantes ao finalizar os seus ciclos formativos. Aceimar, consciente de que a velocidade á que avanza a automatización non atopa resposta no mercado laboral, lanza esta titulación nun momento no que a taxa de desemprego xuvenil en España roza xa o 30%.

Impulso do talento 4.0

Este novo grao de carácter presencial “impulsará o talento 4.0 para atender as necesidades xeradas pola transformación dixital da industria en Galicia”, sinalou Daniel García, responsable do Sector Educativo en Siemens SA. en España. Unha alianza que, en palabras de Rubén López, “avala o coñecemento e a traxectoria do Campus Politécnico Aceimar nas nosas tecnoloxías de automatización e dixitalización industrial”, que será a pedra angular da loxística do futuro. E reafirma o compromiso da institución “en canto a ofertar ciclos formativos adaptados o máis posible á realidade empresarial de Vigo e a súa contorna”.

O prazo de matrícula para o novo ciclo superior Automatización e Robótica Industial do Campus Politécnico Aceimar xa está aberto. Toda a información está dispoñible na páxina web do campus ou no teléfono 986 251 511.

Compartir