- O Goberno galego convoca axudas económicas individuais por 2,7M€ para as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade, en especial para as afectadas pola pandemia do coronavirus
A crise sanitaria provocada pola pandemia do Covid-19 derivou, como era previsible, nunha crise económica que afecta, de modo especial, a moitas países onde as circunstancias políticas e sociais provocan máis dificultades. Para todos eses galegos que vivides no exterior e que o estades pasando mal, existe unha liña de axudas pensada para que poidades cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención socio-sanitaria. Un programa que volve poñer en marcha o Goberno galego pensando, fundamentalmente, na situación derivada da actual pandemia de coronavirus.
Así, o venres 29 de xaneiro publicarase no Diario Oficial de Galicia a convocatoria destas axudas económicas individuais para familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade. Un programa que este ano consolida o incremento de exercicios anteriores alcanzando os 2.750.000 euros.
As axudas, dirixidas aos emigrantes galegos e aos vosos descendentes, están orientadas a facer fronte a situacións de escaseza de recursos provocadas por múltiples circunstancias, e en concreto nestes momentos polo Covid-19, e á falta de produtos imprescindibles, como os medicamentos, un feito preocupante para moitos galegos do exterior que superan os 60 anos.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar a solicitude abrirase o 1 de febreiro, e permanecerá aberto ata o 22 de marzo. Este ano, os galegos que residides en Arxentina, Brasil e Uruguai veredes reforzadas as axudas dada a situación que está a provocar a nivel económico e social nos vosos países a pandemia.
A convocatoria realízase en réxime de concorrencia non competitiva, e está dirixida aos emigrantes de orixe galega, e a determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.
O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderedes ser beneficiarios destas subvencións aqueles que acreditedes a carencia de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, cumprindo cos requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.
Tipos de axuda
A convocatoria abarca sete tipos de axuda:
- Por unidade familiar en situación de precariedade
- Por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante
- Por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar
- Por invalidez ou enfermidade permanente
- Por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado
- Para as mulleres que sufran violencia de xénero
- Para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.
Balance de 2020
En 2020 destináronse un total de 2,7M€ do seu orzamento para apoiar a case 8.000 familias galegas do exterior que se atopan en situación de vulnerabilidade económica e social, destacando o caso de Venezuela, onde se incrementaron as axudas económicas individuais pasando das 1.115 do 2019 ás 1.446 en 2020.
No caso das axudas económicas individuais, a idade media da persoa solicitante o ano pasado foi de 77 anos, sendo persoas que se atopan de maneira habitual en situación de necesidade social.