• Os estudos “in vitro” realizados no Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC resultaron “positivos” e a empresa solicita probar o seu medicamento con pacientes infectados co Covid-19
17
Mar
2020

A biofarmacéutica de orixe galega PharmaMar traballa a contrarreloxo co obxectivo de gañarlle a carreira ao coronavirus. Nun contexto de estado de alarma e pandemia mundial, a investigación é a esperanza para frear a expansión do Covid-19 e neste campo a compañía é un referente. O seu desenvolvemento de fármacos antitumorais con compoñentes mariños convértena nunha das empresas máis innovadoras e pioneiras no seu campo, un líder mundial. E este é o seu mellor aval.

E en que consiste este avance? Levan un mes investigando co seu fármaco Aplidin (desenvolvido inicialmente para o tratamento de mieloma múltiple) e propoñen probalo xa en pacientes infectados co Covid-19. Trátase dun composto con plitidepsina e desde PharmaMar aseguran que “os resultados dos estudos in vitro de Aplidin no coronavirus humano HCoV-229E, cun mecanismo de multiplicación e propagación moi similar ao Covid-19, foron positivos cunha potencia da orde nanomolar”.

Outro aval é que os estudos se levaron a cabo no Centro Nacional de Biotecnoloxía do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e “confirman a hipótese de que a diana terapéutica da Aplidin, que é o EFIA, é clave”. 

E cal é o seguinte paso para loitar contra o coronavirus? Contactar coas autoridades regulatorias “para analizar as posibilidades de estudos” nos pacientes infectados e probar a súa posible eficacia.  

PharmaMar ten unhas altas expectativas de que o seu fármaco, xa autorizado en Australia para o cancro hematolóxico, se convirta nun “arsenal terapéutico” contra o coronavirus “antes dun mes”, frente ao ano e ano e medio que podrría demorarse a comercialización dunha vacina, segundo explicou hai uns días o seu presidente, José María Fernández de Sousa.

A historia de PharmaMar, cuxa antiga matriz Zeltia fundou en Galicia hai máis de 30 anos, é a dunha empresa centrada na oncoloxía e comprometida coa investigación.

Sabías que se inspira no mar para o descubrimento de moléculas con actividade antitumoral? Conta coa maior colección de organismos mariños do mundo, aproximadamente 200.000 mostras entre macroorganismos e microorganismos. En total, estímase que entre un 0,4% e un 1,8% dos extractos naturais (de plantas terrestres e animais mariños, respectivamente) de materia orgánica poderían conter principios anticanceríxenos.

O grupo fundado en Vigo en 1939 e que fabricaba desde O Porriño productos innovadores e insecticidas superventas, deu o salto ao gran mercado oncolóxico co Yondelis, o primeiro medicamento antitumoral de patente española lanzado en 2007 para o tratamento de sarcomas e dous anos despois para o tratamento do cancro de ovario, e que se comercializa en 90 países. De feito, PharmaMar preséntase como a primeira empresa no mundo en desenvolver e comercializar un antitumoral de orixe mariña.

A aportación desta empresa e doutras compañías e dos hospitais e centros de investigación que aúnan esforzos é clave agora para avanzar na loita contra o coronavirus. E é que a biotecnoloxía é xa un pilar clave para esta sociedade.

Compartir