• As universidades da nosa terra impartirán a partir do curso académico 2022-2023 os títulos interuniversitarios de Grao e Máster en Intelixencia artificial
06
May
2021

Galicia impartirá desde o curso 2022-2023 o primeiro título de grao e de máster interuniversitario en Intelixencia artificial, unha nova proposta formativa que se impartirá nas tres universidades.

Esta oferta académica impulsarase a través do acordo subscrito esta mesma semana entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e os tres reitores das universidades públicas galegas, Julio Abalde (UDC), Antonio López (USC) e Manuel Reigosa (OuVigo).

Neste marco, o presidente galego,  Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor a colaboración entre a Xunta e as tres universidades galegas para conseguir un acordo co fin de impartir na Comunidade os títulos interuniversitarios de Grao e Máster en Intelixencia artificial. 

Dúas titulacións que, segundo prognosticou, contarán cunha gran demanda e cunha enorme proxección de futuro, xa que se espera que os seus titulados consigan practicamente o pleno emprego, ademais de ofrecer diversas saídas laborais en áreas como a análise de datos, a robótica ou o internet das cousas.

Tanto o máster como o grao impartiranse nas tres universidades públicas galegas, onde actualmente estanse ofertando os graos de Enxeñería informática: apostando, no caso do grao, por que os dous primeiros anos sexan comúns; e que nos dous últimos cada centro ou escola aposte por especializarse nunha das diferentes ramas desta disciplina.

"O obxectivo é poder ofertar 150 prazas de novo acceso no caso do grao -50 por cada universidade- e unhas 60 prazas de novo acceso no caso do máster -20 por centro-", precisou o presidente galego.

Así as cousas, remarcou que a posta en marcha destas dúas titulacións achegará un valor diferencial ao sistema universitario galego.

Compartir