• O CTAG construirá no Porriño un novo edificio de investigación cun orzamento de ata 8 millóns de euros
28
Oct
2024
Foto: CTAG

Durante décadas, a nosa terra estivo na vangarda da automoción. Un lugar no que Galicia traballa para seguir estando, como demostra a aposta polas novas instalacións que o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) construirá co fin de avanzar na investigación do futuro da industria automobilística.

A Xunta de Galicia investirá 4 millóns de euros neste proxecto, o cal conta cun orzamento total de 8 millóns de euros e busca modernizar e adaptar o sector automotriz ás novas tecnoloxías.

O CTAG, situado no Porriño (Pontevedra), levantará un edificio equipado con tecnoloxía avanzada para investigar áreas crave do futuro automobilístico, incluíndo mobilidade autónoma, conectada, segura e sostible.

Neste novo espazo destinaranse áreas de traballo específicas, unha delas enfocada en tecnoloxías de propulsión limpa como vehículos híbridos, eléctricos e de hidróxeno. Aquí instalaranse equipamentos de ensaio innovadores, tales como unha cámara climática para validar compoñentes de vehículos eléctricos e unha cámara walk-in para probas de baterías.

Ademais, habilitaranse espazos para a preparación de mostras e unha sala de control para monitorizar os ensaios.

Vehículos do futuro

Outra unidade centrarase na investigación de vehículos autónomos, afrontando os retos que supoñen estas tecnoloxías en investigación, desenvolvemento e validación do "vehículo do futuro". Esta área contará con avanzados bancos de probas para a condución autónoma e conectada, proporcionando ao CTAG ferramentas de vangarda para as súas investigacións.

Esta ampliación permitirá acoller novas tecnoloxías de ensaio que farán viable o desenvolvemento de sistemas de transporte alternativos aos combustibles tradicionais.

Con este investimento, aspírase a consolidar ao CTAG como un referente europeo, preparándonos para os retos actuais e futuros do sector automotriz, estratéxico para Galicia.

Compartir