• O proxecto permitirá tamén fomentar a implementación de prototipos virtuais en toda a industria aeronáutica da Unión Europea para impulsar así a innovación na fabricación de aeronaves
16
Sep
2022

O centro tecnolóxico galego Aimen lidera o proxecto europeo CAELESTIS que ten como principal obxectivo o desenvolvemento dun Ecosistema de Simulación Interoperable (ISE) para dixitalizar todo o proceso de deseño e fabricación de pezas aeroespaciais.

No marco desta iniciativa investigarase o potencial dos xemelgos dixitais para acelerar a innovación no ámbito da aeronáutica e contribuír a alcanzar os obxectivos climáticos de Europa para 2050. Os resultados do proxecto permitirán reducir as emisións de CO2 procedentes da aviación, diminuír os custos e riscos no deseño e a fabricación dos novos modelos de aeronaves e acurtar os prazos de innovación dos avións máis eficientes do futuro.

O ecosistema desenvolto posibilitará o fluxo de datos en toda a cadea de valor da aeronave, vinculando aínda máis a enxeñería, o deseño e a fabricación, ao integrar e executar de forma autónoma fluxos de traballo de simulación para apoiar o deseño multidisciplinario, a optimización e a cuantificación da incertidume.

Este ecosistema será impulsado por infraestruturas “High Performance Computing” (HPC) para executar predicións e ofrecer deseños optimizados, e incluirá xemelgos dixitais baseados ​​en modelos de alta fidelidade que cubrirán varias etapas da produción. Así mesmo, empregaranse ferramentas de aprendizaxe automática para mellorar a detección de defectos de fabricación e a cuantificación da súa influencia na integridade estrutural, así como tamén para identificar deseños que teñan en conta a fabricabilidad.

CAELESTIS fomentará a implementación de prototipos virtuais en toda a industria aeronáutica da Unión Europea para impulsar así a innovación na fabricación de aeronaves cun enfoque multiactor. Esta investigación podería repercutir na industria aeroespacial introducindo o marco dixitalizado que conectará o deseño coa fabricación e integrará algoritmos de simulación e aprendizaxe automático nun marco informático de alto rendemento co fin de optimizar as solucións e os requisitos das pezas aeroespaciais.

O proxecto está financiado pola Axencia Executiva Europea de Infraestruturas Climáticas e Medio Ambiente (CINEA) no marco do programa Horizonte Europa e conta cun orzamento de case 6 millóns de euros e un prazo de 42 meses para o seu desenvolvemento.

Consorcio

O consorcio europeo liderado por AIMEN Centro Tecnolóxico está composto por 11 socios de 7 países europeos: Universitat de Xirona (España); Addcomposites (Finlandia); ESI Group (Francia); Institut de Recherche Tecnologique Jules Verne (Francia); Instituto Tecnolóxico de Aragón (España); Centro de Supercomputación de Barcelona (España); Technische Universiteit Delft (Países Baixos); e EBOS Techonlogies (Chipre); GKN Aerospace (Suecia) e RTDS Association (Austria).

AIMEN, ademais de coordinar todo o proxecto, lidera as actividades de smart manufacturing que inclúen a fabricación de materiais compostos, a monitorización do proceso on-line, a integración de dispositivos de computación edge e a creación de datos sintéticos para alimentar os modelos de aprendizaxe automática.

Compartir