• Podería implementarse no mes de setembro despois de ser testada en agosto nun grupo pechado de persoas
31
Jul
2020

Galicia segue dando pasos na loita contra o Covid-19. Neste sentido, a Comunidade iniciará no mes de agosto unha experiencia piloto nun grupo pechado de persoas a través da nova aplicación para o móbil ‘PassCOVID’. Con base nos datos do Servizo Galego de Saúde, esta aplicación permitirá identificar o nivel de risco transmisor da persoa usuaria fronte ao Covid-19 e facilitar a xeración de alertas aos contactos indicados por esta no caso de dar positivo nunha proba PCR.

Despois de testar este novo sistema, en setembro valorarase a posibilidade de implementalo para que tanto os residentes en Galicia como os viaxeiros poidan descargala nos seus dispositivos móbiles. No caso de que se chegue a implementar, PassCOVID será sometida a consideración do Consello interterritorial de Saúde.

Este sistema será completamente voluntario. Así, a persoa que descargue a aplicación poderá optar por identificarse empregando o sistema de identificación seguro Chave 365, o que lle permitirá acceder a todas as funcionalidades de PassCOVID; ou escoller un perfil anónimo, nese caso a aplicación proporcionaralle información xeral e consellos sobre a situación da pandemia.

Deste xeito, a información será personalizada, no caso dos perfís identificados; e local, no caso dos usuarios que activen voluntariamente a xeolocalización. Isto último permitiralles recibir alertas sanitarias da zona de Galicia na que se atopen. PassCOVID tamén servirá de canle de comunicación entre o sistema público de saúde e os cidadáns con información sobre novidades e evolución da pandemia; zonas de risco; datos; indicadores xerais e por concello; recursos e servizos dispoñibles; e recomendacións e información sobre protocolos de protección e seguridade aplicables en cada momento e lugar.

Novas funcionalidades 

A nova aplicación podería, ademais, contar con novas funcionalidades en seguintes versións, como a coordinación coa aplicación estatal RadarCOVID. Esta última identifica contactos detectados automaticamente pola app, mediante a aplicación de tecnoloxías de proximidade.

Tamén, no caso dos establecementos de restauración, está a traballarse para que o cidadán poida rexistrar na aplicación PassCOVID o establecemento no que estivo a través dun código QR. Así, no caso de que a Administración identificase algún positivo ou contaxio no local, activaría unha alarma aos usuarios da aplicación.

Compartir