- Os estudantes retornados podedes solicitar unhas bolsas cuxo importe varía en función da renda familiar, oscilando entre os 1.750 e a 3.000€, o que supón un incremento de 250€ respecto do curso anterior
O Goberno galego ha aberto esta semana o prazo para solicitar as axudas destinadas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) con dificultades económicas sobrevindas. O obxectivo da convocatoria é garantir que todos aqueles estudantes que o desexen poidan continuar os seus estudos universitarios.
O programa está destinado aos universitarios que presenten unha necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa imprevista ocorrida durante o actual curso académico.
Entre estas causas figuran:
- A orfandade absoluta
- O desemprego
- O falecemento de pai ou titor
- A falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar
- A condición de emigrante retornado
- A condición de vítimas de violencia de xénero ou de actos terroristas
- E outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar
As axudas, cuxo importe dependerá da renda familiar, oscilarán entre os 1.750 e os 3.000 euros, o que supón un incremento de 250€ respecto do curso anterior.
Para acceder a estas axudas, os estudantes que esteades interesados tedes que estar matriculados no curso académico 2021/22 como mínimo en 50 créditos en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das tres universidades galegas. No caso de que vos reste un número inferior de créditos para finalizar os vosos estudos, deberedes estar matriculados como mínimo de 30 créditos.
Ademais, a renda per cápita da unidade familiar ten que ser inferior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022 multiplicada por 1,80.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía telemática a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Se a causa imprevista aconteceu con anterioridade á publicación da convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de febreiro de 2022. Se ocorre con posterioridade, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevinda. En calquera caso a data límite será o 31 de xullo de 2022.