• Ata o próximo 10 decembro manterase aberto o prazo para que persoas e familias con dificultades económicas poidades solicitar esta subvención, cuxa contía oscila entre os 175 e os 225 euros ao mes
  • Este ano, e ante a situación excepcional ocasionada polo Covid, o Goberno galego complementará o bono cunha axuda extraordinaria para achegar o 100% do custo do arrendamento
25
Jan
2021

Os emigrantes retornados a Galicia que o necesitedes podedes xa solicitar as axudas do Bono de Aluguer Social, un programa que busca facilitar o acceso á vivenda en réxime a aqueles colectivos con dificultades económicas, especialmente nun momento marcado pola crise económica e social derivado da actual pandemia de Covid-19. 

Esta nova convocatoria permanecerá aberta ata o próximo 10 de decembro e está dotada con 1,5 millóns para o período 2021-2025, a razón de 300.000 euros por ano. Esta cifra, en calquera caso, é orientativa, podendo ampliarse no caso de que resulte necesario.

Ao longo de 2021 posibilitarase, deste xeito, o aluguer a unhas 800 familias galegas que estean a atravesar dificultades económicas. A concesión inicial da axuda será por un período de 12 meses, prorrogables por dous anos máis a petición do interesado. Posteriormente, poderá ampliarse tamén de forma extraordinaria por outros tres exercicios, polo que a duración máxima pode alcanzar os seis anos.

En concreto, os bonos ascenden a 225, 200 ou 175 euros ao mes, equivalentes ao 50% da renda mensual máxima da vivenda alugada segundo a localidade na que estea. Así, nas sete cidades o aluguer non poderá superar os 450 euros mensuais, mentres que en concellos de tamaño medio o límite será de 400 euros, e no resto, de 350 euros.

De modo complementario, o Bono de Aluguer Social prevé a concesión doutra axuda de 600 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de aluguer ou, no caso de que a persoa beneficiaria permaneza na mesma vivenda, para atender débedas subsistentes.

En calquera, esta contía verase complementada ao longo de todo 2021 por outra axuda que o Goberno galego xa anunciou, que terá carácter extraordinario, e que busca permitir que aqueles que peor o están pasando non teñan que facer fronte a ningún gasto derivado do custo do aluguer de vivenda.

Así, este ano a Xunta de Galicia asumirá o pago do 100% do aluguer de todas as familias que percibías o bono, co obxectivo de responder á situación provocada pola crise do Covid-19 nos colectivos máis vulnerables.

Quen podedes solicitar o bono

Estes son os colectivos que poden acollerse e solicitar as axudas do Bono de Aluguer Social:  

  • Unidades familiares que necesiten unha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por falta de pagamento.
  • Vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda, e que no momento da solicitude atópense residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo.
  • Persoas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta.
  • Aquelas que, sendo beneficiarias do Programa Aluga, gozasen na súa totalidade da subvención do citado programa e finalizáselles o período máximo de goce desta axuda dentro dos nove meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do programa do Bono Aluguer Social.
  • As que sendo arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, finalizáselles a vixencia do seu contrato a partir da entrada en vigor desta orde.
  • As que, por concorrer circunstancias de emerxencia social e non conseguir o límite mínimo de ingresos do Programa de Vivendas Baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do programa propóñalles a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.
  • Aquelas que sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sareb, en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as mesmas, finalizasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de subvención. 
  • Os mozos menores de idade tutelados pola Xunta, unha vez que consigan a maioría de idade e saian do réxime de tutela, para facilitarlles o acceso únaa vivenda en aluguer.
  • Aquelas persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación en pago a entidades financeiras.
Compartir